Os equipos de traballo invisten moito tempo e enerxía en reunirse, e algún deles chegan a crer que só con reunirse traballan en equipo, fan equipo. En VIRADA Equipos cremos que a reunión é unha técnica que é preciso coñecer e mellorar para un propósito maior. Patrick Lencioni ofrécenos algunha clave.
Patrick Lencioni (Wikipedia) é un autor de referencia para o traballo que facemos en VIRADA Equipos. O libro que lle deu maior visibilidade no ámbito do management empresarial foi “Las cinco disfunciones de un equipo”, o cal comentabamos hai anos neste artigo: É o meu equipo disfuncional?
Agora queremos poñer o foco nunha achega que fai na súa outra publicación “Reuniones que matan. Una solución para que sus reuniones sean eficaces y productivas”.
Que pasa coas reunións?
Lencioni pregúntase, que problemas atopamos nas reunións? Apunta dúas principais:
- As reunións son aburridas, tediosas, pouco atractivas, frías… As persoas convocadas acoden de mala gana porque son obedientes, pero cren que teñen mellores cousas que facer.
- As reunións son ineficaces, non contribúen ao éxito da nosa organización. Non producen ningún beneficio cuantificable.
Por que as reunións son aburridas e ineficaces?
Segundo Lencioni, as reunións son aburridas porque carecen de dramatismo. De conflito. As persoas que lideran reunións ocúpanse máis de evitar tensión e rematar as reunións a tempo que de provocar e desatar un conflito ideolóxico que sexa construtivo, que afronte de verdade o que está encima da mesa, como na imaxe. Se así fose, as partes implicadas abrirían debates máis apaixonados e as decisións, en última instancia, serían máis acertadas.
As reunións son ineficaces porque carecen de estrutura contextual. Moitas organizacións só teñen un tipo de reunión: a reunión de dirección. Nesta reunión, que adopta múltiples modalidades, non se ten claro cales son os temas axeitados, nin se define un contexto preciso sobre o tipo de conversación que se mantén. Ao final, decídese moi pouco, xa que non está claro si se está a debater, votar, a desenvolver un brainstorming ou, simplemente, a falar por falar.
Para que as reunións sexan apaixonantes e eficaces hai que ter en conta distintos tipos, distinguir cales son as finalidades das mesmas, cales son os seus formatos e a duración deses encontros. No seu libro, Lencioni fai unha proposta sinxela e precisa, que cada equipo podería adaptar ás súas necesidades sentidas e efectivas:
- Reunión de repaso diario.
- Reunión táctica semanal.
- Reunión de estratexia mensual.
- Reunión de repaso trimestral fóra da organización.
Lencioni, na páxina 247 do seu libro, presenta así o resumo:
Vémonos co teu equipo en VIRADA Equipos para optimizar o traballo en grupo?
Pincha aquí se queres coñecer máis información sobre o noso Programa.
David Pereiro, responsable do Programa VIRADA.