As xuntas directivas das asociacións, como órganos de goberno das mesmas, teñen capacidade e unha posición privilexiada para seren promotoras e axentes de cambio organizativo e social.

Asociación AMIPA é unha organización que traballa a prol da inclusión social de persoas con discapacidade intelectual nunha contorna rural. Xestiona un centro en Rois (A Coruña) e acompaña os proxectos de vida de 24 persoas, ofrecendo tamén apoios as súas familias.

Esther García, membro da xunta directiva de AMIPA, comparte, nesta entrevista, como VIRADA Liderado  contribuíu ao desenvolvemento do liderado do seu equipo directivo.

1- Como membro da xunta directiva de AMIPA participaches en VIRADA Liderado 2022 porque a xerente da túa entidade che recomendou que o fixeras. En que esperabas que VIRADA Liderado te axudara no teu labor como directiva? Foi de utilidade?

A verdade é que non tiña moitas expectativas xa que nunca fixera unha formación deste estilo. Tamén era a primeira vez que participaba nunha formación como membro dunha xunta directiva.

Cando lin o programa, a terminoloxía resultábame allea, non sabía o que me ía atopar. Cando lin, por exemplo, corporalidade, preguntábame, “de que irá isto?”

Cando a xerente me propuxo participar, levaba menos de 6 meses como directiva en AMIPA e acollín a proposta emocionada e con moita ilusión. Entendía que era algo novo do que podía sacar rendemento e aprender.

Foi de moita utilidade porque me proporcionou multitude de coñecementos totalmente novos para min. Abriume paso a un mundo novo.

2- Descubriches ou aprendiches outras cousas que non esperabas? Cales?

Si, houbo para min moita aprendizaxe. A máis destacada foi a seguinte:

O liderado vai máis alá de saber dar ordes… Para poder ser unha boa líder, e tomar as mellores decisións, é importante aprender a comunicar, escoitar, saber observar e indagar para poder obter a máxima información sobre as nosas asociacións, as persoas que nelas traballan, as usuarias e todas as persoas involucradas.

Puiden coñecer os diferentes tipos de comunicación, tomando consciencia dende onde, e como me comunico, e aprendendo a ver dende onde, e como, se comunican as persoas do meu arredor para así poder comprender mellor a información que me chega.

VIRADA Liderado tamén me ensinou a importancia de saber recoñecer os meus xuízos para así poder desmontalos e aprender a ser consciente de cando eses xuízos non me deixan ver con claridade.

Para min foi tamén especialmente relevante a aprendizaxe sobre a corporalidade, xa que creo que coñecer como comunico dende o meu corpo e aprender a recoñecer as miñas emocións, é vital para poder transmitir dunha forma máis eficaz, consciente e produtiva.

Dende esa liña da individualidade, outra das ensinanzas que me deixou o programa foi o aprender a ver os meus puntos fortes, así coma os máis débiles e como suma saber apreciar a miña valía tanto como persoa e como directiva.

3- Que lle dirías a outras persoas membro de xuntas directivas de asociacións para que se animaran a participar en VIRADA Liderado?

Se queremos que as nosas asociacións evolucionen e medren é indispensable que os órganos de dirección mudemos a nosa forma de implicarnos e dirixir: como tomamos decisións, como promovemos organizacións máis participativas nas que se teñan en conta a todas as persoas, etc…

Aporta moito valor ao noso labor directivo compartir o espazo de formación e aprendizaxe con traballadoras e traballadores, profesionais de xerencias, direccións, coordinacións… que participan e expoñen asuntos nos que non pensarías como membro de xunta directiva. É un espazo privilexiado para poder coñecer novas ideas, puntos de vista, experiencias, e así poder empatizar e coñecer máis do mundo asociativo coas persoas que traballan no mesmo.

As directivas, sobre todo en asociacións do terceiro sector, podemos ser axentes activas de cambio e agora é o momento de evolucionar, é o momento de que os seus membros nos formemos e especialicemos ao máximo. Sen dúbida, VIRADA Liderado é unha gran oportunidade.

A formación das persoas das xuntas directivas é unha inversión de futuro que hai que ter en conta nas nosas organizacións.

 

Moitas grazas, Esther! Foi un pracer compartir singradura contigo en VIRADA.

Falamos da participación en VIRADA Liderado de persoas da túa Xunta directiva? Pincha aquí se queres más información.

Equipo VIRADA

Voltar