Debuxo de neuronas de Ramón y Cajal
Teño o vívido recordo xuvenil de Adolfo Marsillach interpretando a Santiago Ramón e Cajal nunha serie de TVE dos anos 80. Sendo rapaz quedoume gravada a paixón, entrega e determinación do científico español. Marcoume dalgunha maneira o feito de que o seu maior logro fora froito dun esforzo titánico individual e solitario. Intrigoume o feito de que debería de haber outros camiños menos heroicos e máis pracenteiros para levar a resultados semellantes ou superiores.
Pasou tempo desde os 80, e moito mais desde aquel 1906 en que Ramón y Cajal foi recoñecido co Nobel en Medicina. No mundo actual logros deste tipo son xa inconcibibles. Os grandes avances son froito de traballos coordinados entre equipos. Un bo exemplo en medicina é o Proxecto Xenoma para cartografiar o xenoma humano.
En todos estes anos en que tiven o privilexio de acompañar a moitas organizacións de economía social nos seus esforzos de desenvolverse como organizacións foise asentando en min a convicción de que o factor humano é, sen dúbida, a diferenza que marca a diferenza entre o éxito e o fracaso. Sobre todo o papel das persoas con responsabilidades de dirección e liderado. E no século XXI xa case nada de alcance faise en soidade, por moita determinación que se teña. Os retos son grandes e complexos.
Os grandes retos esixen traballo en equipo, e este non sucede dunha maneira efectiva se non se traballa, isto é, se non se toma conciencia e non se adestra. Sobre todo, se non se adestra.
Sabemos cales son os músculos a desentumecer, os grupos musculares que han de soportar estrutura e cales favorecer movementos, as claves da disposición mental para abordar un esforzo ou un reto compartido, o tipo de respiracións que osixenan os tecidos das organizacións … Avanzamos moito en saber como funcionan os equipos, como funcionan as organizacións, como se comportan as persoas.
A toma de conciencia (formación) e o adestramento (coaching de equipos) son recursos válidos e oportunos para o desenvolvemento de equipos efectivos, equipos do século XXI.
A túa organización conta con persoas con gran capacidade que deciden non pór toda a carne no asador. A túa organización necesita equipos que logren resultados que non son capaces de imaxinar. A túa organización quere cambiar o mundo das persoas para as que traballa. Recoméndoche que coides o factor humano, que coides ás persoas ofrecéndolles adestramento, que coides os equipos de dirección e liderado.
O Programa VIRADA é a nosa proposta para o fortalecemento de equipos de dirección en entidades de economía social. É a proposta de Algalia e Fundación EDE. Falamos? Para acceder ao Programa VIRADA.
Aquí podes entreterche con outras reflexións sobre este asunto.
- É o meu equipo disfuncional?
- Obstinado no meu erro?
- O natural é traballar en equipo natural
- Entrevista a Ander Mimenza
David Pereiro
Socio Consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector