Hai uns días recibín a invitación de Eduardo Escobes da Fundación EDE, para que participase nun obradoiro que se ía a impartir en Bilbao sobre Agile e Art of Hosting e que dinamizaría Carolina Escobar Mejía (consultora internacional e enlace para España de Art of Hosting) como o propio Eduardo.

Unha das maiores preocupacións que recollo das entidades e da miña, é a xestión de equipos,  e as dificultades que isto nos carrexa no día a día. Así que, interesábame ter outro enfoque sobre a xestión de equipos, e si realmente esta mirada era innovadora e o mais importante si resultaba eficaz.

O Art of Hosting ou Art of Participatory Leadership (Arte do Liderado Participativo) é unha resposta a un mundo que resulta cada vez máis complexo e impredicible, onde as solucións e innovacións non residen nun líder único ou nun só punto de vista, senón na capacidade de ver e entender o sistema completo no que interactuamos.

É unha práctica  efectiva para liberar a sabedoría colectiva e a capacidade de auto-organización de grupos de calquera tamaño. O Liderado Participativo mestura unha variedade de métodos e prácticas para facilitar e soster conversacións que nos axuden a afrontar os desafíos cos que nos atopamos, activando a intelixencia colaborativa dos equipos de traballo.

A arte de ser anfitrión de conversacións que importan chega nun momento en que  necesitamos  responder  efectiva  e  sabiamente  a  os complexos desafíos que enfrontamos. Permítenos ver xuntas/os que cada unha/o non pode ver por separado e crear xuntas/os que non pode crearse desde a individualidade.

O Art of Hosting baséase na crenza de que as persoas dedicamos a nosa enerxía e prestamos a nosa atención e recursos ás cousas que máis nos importa, tanto no traballo, como na vida. A arte do Liderado Participativo,  conxuga unha serie de procesos conversacionais para convidarnos a adentrarnos e tomar as rendas dos retos que enfrontamos e deseñar alternativas máis sabias cara aos resultados que queremos.

Agile (Agilismo) é un enfoque e un conxunto de métodos e prácticas onde as solucións evolucionan a través da colaboración entre equipos auto- organizados e multifuncionais, e os seus clientes / usuarios finais. Avoga pola planificación adaptativa, o desenvolvemento evolutivo, a entrega temperá e a mellora continua, e fomenta unha resposta rápida e flexible ao cambio.

As metodoloxías áxiles (Scrum/Kanban) están baseadas  nun cambio de paradigma que naceu na industria do desenvolvemento de software e estendeuse nos últimos anos a organizacións de diversos sectores e tamaños.

Unha das cuestións que máis espertou o meu interese, era como estes métodos e prácticas podíase realmente aplicar nas entidades do sector social e si realmente eran útiles. Despexáronseme a maioría destas dúbidas, tras as exposicións e sobre todo conversación posterior con Luís López Catalán (director de tecnoloxía, integración de datos e innovación de Unicef), e Josu Urcelay (Director unidade de persoas de Rais Fundación).

Seguiremos profundando, pero teño a sensación de que si, pódese seguir innovando na xestión de equipos

Miguel Barbosa
Socio Responsable de Consultoría de Algalia Servizos para a Economía Social

Voltar