Para que serven os códigos éticos nas entidades do terceiro sector?As entidades do terceiro sector son… digamos, boas. As súas causas son boas… A súa xente é boa… non?

Con moita xenerosidade direite que si, iso si, mentres non se demostre o contrario.

Se son boas, para que un código ético?

Quizais para asegurarnos que non se poida demostrar o contrario…

Nin as cousas son tan simples, nin somos tan inxenuos. Sabemos que polo mero feito de que haxa unhas táboas da lei, o pobo concernido por elas se vai comportar tal como Moisés espera e Deus ordena. É preciso algo máis… pero, que?

A unha entidade do terceiro sector non lle abonda con ter un Código ético. Resulta relevante como se elabora e que se fai con el unha vez que se ten.

Os valores das persoas

Afortunadamente, as persoas das organizacións teñen capacidade de elixir e dirixir a súa propia conduta. Sempre poden elixir, iso si, dentro dun marco de posibilidades.

Todas as persoas, nas que nos debemos incluír ti, lector, e eu mesmo, preferimos unhas posibilidades de actuación sobre outras. Seranos útil acordar aquí que a base desa preferencia é o que imos chamar valores.

Os valores existen para persoas, seres que teñen a capacidade de facer estimacións, valoracións. Podemos afirmar que os valores teñen unha dimensión obxectiva (isto parece axeitado, aquí e noutra civilización) e unha dimensión subxectiva (isto paréceme axeitado a min, pero non ao meu veciño).

Os valores habitualmente entran en conflito entre si, e cando se toman decisións, consciente ou inconscientemente, vaise configurando unha orde xerárquica que funciona de forma efectiva, un “sistema de valores”.

Os valores nas organizacións

O asunto xa ten certa complexidade cando nos situamos na esfera persoal, pero esta dispárase cando o situamos nunha esfera compartida entre distintas persoas, as cales teñen a súa propia xerarquía de valores persoais. Neste contexto de maior complexidade, afloran as declaracións axiolóxicas das entidades, especialmente as preocupadas pola dimensión ética, como acontece no terceiro sector.

Como axustar o encaixe entre os valores persoais e os enunciados organizacionalmente? Podemos estar de acordo en que é desexable ese axuste, en que é desexable que as condutas das persoas na organización, as súas eleccións máis frecuentes, se aliñen coas condutas esperadas pola organización.

Os valores que inspiran as condutas das persoas non se visibilizan soamente nas súas declaracións, senón que se acrisolan nos seus comportamentos habituais, nas súas condutas preferentes, neses hábitos que podemos convir en chamar actitudes.

Que facer para propiciar este axuste, que fai ás organizacións máis cohesionadas e ás persoas que as forman máis coherentes e felices?

Unha vez máis, afortunadamente, os valores xorden dun proceso de aprendizaxe que ten, entre outros, os recursos da toma de conciencia sobre as condutas e as eleccións proactivas, así como o diálogo profundo e maduro sobre o contido dos valores persoais e organizacionais.

Hai que falar, pero non vale calquera tipo de conversación. Para un diálogo xenuíno hanse de dar unha serie de características que permitan o cambio persoal e comunitario. Avánzase en grupo, pero cada persoa ha de percorrer o seu propio camiño dentro do grupo.

En definitiva, a xestión dos valores, a xestión en valores, é un proceso dinámico, dialógico, e moitas veces dialéctico, no que estar en camiño e camiñar é o relevante.

A experiencia de Algalia con Autismo Burgos

Algalia está a ter a oportunidade de acompañar as persoas de Autismo Burgos, profesionais e familias, no proceso de elaboración e implementación do seu código ético.

Esta tarefa está a resultar efectiva grazas ao impulso e liderado das persoas con responsabilidades directivas e ao compromiso coa organización de todas as persoas participantes. Estase a realizar abrindo e facilitando espazos seguros de diálogo nos que se respectan os procesos de maduración persoal e colectiva.

En Burgos, cidade do camiño de Santiago, sábese que o importante é camiñar e avanzar cara ao destino compartido, aínda que as etapas resulten ás veces duras e sexa preciso abandonas os espazos de confort persoais e organizacionais.

No pain, no glory!

David Pereiro
Socio consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 

Voltar