Aínda que o Terceiro Sector de Acción Social en Galicia avanzou na súa profesionalización interna, o estudo “Perspectivas do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia”, elaborado por Algalia en colaboración coa Universidade de Vigo en 2025 entre máis dun centenar de entidades, detectou debilidades en ámbitos estratéxicos externos, especialmente en comunicación, transparencia e avaliación de resultados. Estas áreas perfílanse como factores clave para fortalecer a confianza social e garantir a sustentabilidade futura.
Segundo o informe, moitas entidades carecen aínda de sistemas estruturados para medir o seu impacto social. Esta limitación dificulta demostrar de forma obxectiva os resultados das súas intervencións e reduce a súa capacidade para xustificar financiamento ante administracións, doantes ou entidades colaboradoras. A avaliación sistemática preséntase así como un elemento esencial para consolidar lexitimidade institucional.
A comunicación externa constitúe outro desafío relevante, segundo os datos recollidos. O informe sinala que numerosas organizacións desenvolven unha labor social de gran valor, pero non contan con estratexias eficaces para difundila. Esta falta de visibilidade pode afectar á percepción pública do sector e limitar oportunidades de colaboración e financiamento.
A transformación dixital aparece como unha materia pendente transversal. Aínda que algunhas entidades iniciaron procesos de modernización tecnolóxica, moitas aínda presentan niveis baixos de dixitalización. A incorporación de ferramentas dixitais non só mellora a eficiencia operativa, senón que facilita a xestión de datos, a avaliación de impacto e a comunicación coa cidadanía.
Os autores do estudo, Xosé Henrique Vázquez Vicente, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, e a estudante Eva Martínez Doldán, advirten que o contexto actual, marcado por cambios tecnolóxicos acelerados, esixe unha adaptación rápida para evitar brechas competitivas. Investir en innovación e tecnoloxía non debe considerarse un gasto accesorio, senón un investimento estratéxico para o fortalecemento organizativo.
O informe conclúe que avanzar en transparencia, comunicación e dixitalización permitirá ao sector mellorar o seu posicionamento público, reforzar a confianza social e ampliar a súa capacidade de incidencia nas políticas sociais.