Antes de iniciar un despedimento disciplinario, é recomendable revisar o procedemento para evitar riscos innecesarios e efectos non desexados. A audiencia previa ao despedimento disciplinario é o trámite que permite ao traballador coñecer os cargos e defenderse antes da decisión extintiva.
A audiencia previa, que non esixe formalidade específica, debe permitir que o traballador coñeza os feitos imputados e poida achegar explicacións antes da decisión definitiva. A empresa debe asegurar un coñecemento efectivo da comunicación xa que a mera remisión pode non bastar se non chega a coñecemento do traballador. Así como a carta de despedimento esixe exposición de feitos e data de efectos, a audiencia previa debe permitir alegacións reais sobre eses feitos.
A xurisprudencia considerou cumprida a audiencia, entre outros supostos, mediante reunión previa o mesmo día da carta con exposición de feitos e posibilidade de explicación, ou mediante comunicación escrita con concesión de prazo de alegacións. Pola contra, non considerou cumprido o trámite de audiencia pola mera remisión dun correo electrónico á conta privado do traballador solicitando explicacións se non consta recepción e lectura.
Se a empresa non concede adecuadamente a audiencia previa exixible, incorre nun incumprimento das formas do despedimento que determina a improcedencia do despedimento disciplinario, conforme a regra de improcedencia por defectos formais do art. 55 ET e a doutrina xurisprudencial sobre audiencia previa. Por tanto, un despedimento disciplinario pode ser declarado improcedente, non polo motivo do despedimento, senón por un defecto no procedemento seguido e, en escenarios sensibles, mesmo de nulidade.
Non será exixible este trámite cando non poida pedirse razoablemente ao empregador conceder esa posibilidade de defensa, o que a xurisprudencia apreciou en supostos de necesidade de cesamento inmediato, de risco de prescrición, ou de protección de bens especialmente sensibles.
Como debe realizarse correctamente?
- Comunicación clara e concreta dos feitos evitando fórmulas xenéricas
- Prazo razoable para alegacións. Deixa constancia da data de entrega e do prazo concedido.
- Posibilidade real de resposta
- Constancia escrita do trámite. Documenta a audiencia mediante acta ou escrito de alegacións, e conserva xustificante de entrega e recepción.
- Garantía de afiliación sindical e de representación. Se o traballador está afiliado a un sindicato e á empresa cónstalle, solicita audiencia previa aos delegados sindicais.
LEMBRA: Non basta con “intentar” ou “enviar” a audiencia: debe articularse de modo que o traballador coñeza efectivamente os cargos e poida alegar fronte a estes.
CONSELLO: Describe feitos concretos sen engadir xuízos de valor camuflados como feitos. Non cualifiques a conduta. Non atribúas intencións. Non uses adxectivos valorativos. Os feitos permiten despois unha cualificación xurídica (art. 54 ET), pero non a adiantan.
Marta Armada. Responsable do Servizo Laboral de Algalia