Hoxe falamos co Equipo Directivo de EVD Galicia sobre como están a facilitar a evolución das persoas e equipos para contribuír ao proceso de transformación organizativa que estableceron na estratexia da súa organización.

EVD Galicia é unha organización de orixe relixiosa creada pola Congregación das Escravas da Virxe Dolorosa. En Galicia ten como lema Muller e Discapacidade, e nos dous centros situados na nosa comunidade atende a 147 mulleres con discapacidade: 80 en Mos e 67 en Crecente. Para desenvolver a súa actividade mobiliza un orzamento de ao redor de 3,5 millóns de € e conta coa contribución de 129 profesionais.

Conversamos con Leví Olivares, Director Xerente; Laura Ruíz, Responsable de Calidade; e Ángeles Iglesias, Directora do Centro de Mos. Lamentablemente non puidemos contar coa participación de Iria Méndez, Directora Técnica.

 

Pica na imaxe para ver en YouTube a conversa completa: 24.22 minutos. A continuación tes por escrito un breve resumo.

 

 

Programa VIRADA

ALGALIA. O compromiso de EVD Galicia co que propón VIRADA é moi grande. A que responde esa vinculación tan estreita da vosa organización con VIRADA?

LEVÍ. Sentimos VIRADA como parte do noso ADN porque nos axudou a un proceso de transformación. Tiñamos unha bolsa con moitas ideas que necesitabamos ordenar e que alguén nos acompañase.

Supuxo moito para as persoas, cada unha de nós, e para a organización, tamén. Foi un apoio moi importante.

 

VIRADA Equipos

ALGALIA. Que motivou a vosa participación en VIRADA Equipos? Que queriades obter?

LEVÍ. Estabamos moi afeitos traballar de maneira individual e moi xerárquica e tiñamos claro que queriamos cambiar a unha dinámica de equipo, de grupo, a unha dinámica de repartición e delegación de tarefas, funcións, decisións…

Naquel momento (participación do Equipo Directivo) xuntámonos as persoas que tiñamos máis presenza, máis participación, máis responsabilidade na organización e dixémonos: se dunha maneira informal xa estamos a decidir cousas… por que non organizamos isto que facemos? VIRADA Equipos axudounos a organizar o que faciamos e a conformarnos como equipo. Entramos sendo un grupo de profesionais que compartían as súas funcións para ser un equipo cohesionado que supuxo moitas cousas… o equipo transformouse nas dúas primeiras sesións!

 

ALGALIA. Para que serviu no seu momento?

ÁNGELES. Para acompañarnos a cambiar, foi un momento de cambio importante (participación do Equipo de profesionais de Mos). Para coñecernos como equipo: levabamos moitos anos traballando xuntos, pero coñecernos como equipo era importante. Unirnos como un equipo, traballar dunha maneira máis horizontal e cambiar a nosa maneira de traballo.

Todo ten que ser unha engrenaxe: é importante que todas as partes estean ben cohesionadas.

 

ALGALIA. Cales considerades que son as claves para que a participación dun equipo en VIRADA Equipos sexa de utilidade para a organización?

LAURA. O principal é que un equipo queira evolucionar, ser máis eficaz, queira crecer. VIRADA Equipos axúdache a saber como es como equipo, como funcionas, onde queres chegar e cal é o mellor camiño para poder facelo.

As entidades evolucionan, os tempos cambian. E as organizacións que traballamos con persoas, aínda máis. Pasan cousas, as organizacións están nun constante movemento.

 

ALGALIA. Recomendariades este programa? A quen?

ÁNGELES. A calquera equipo natural que queira transformarse, evolucionar. Non só de organizacións como a nosa: un equipo de calquera centro, equipos de dirección…

LEVÍ. Temos equipos que teñen dinámicas de equipo, de relación, de forma natural. A nós VIRADA achegounos orde, criterio, roles claros, introducir dinámicas e ferramentas… Isto vale para equipos que están moi centrados na tarefa, por exemplo, de Residencia, no noso caso. Son equipos pequenos, que non teñen cuestións estratéxicas entre mans, pero que seguen o seu día a día e necesitan incorporar dinámicas e ferramentas. VIRADA vale para crecer e tamén para consolidarse como equipo.

Somos moi de pel. Somos moi de emocións. Como nos miramos, como falamos, como nos enfadamos, como “vomitamos” o un co outro… cousas que no día a día suceden, por moi definido que estea todo, isto está presente… A “vomitar” dunha maneira controlada tamén nos axudou VIRADA.

 

VIRADA Liderado

ALGALIA. En que contribuíu ao teu desenvolvemento como líder a participación en VIRADA Liderado?

LEVÍ. Foi moi potente. Como Xerente, necesitaba un proceso de purga e de transformación persoal. O Xerente nun estilo de liderado xerárquico agrupa moita autoridade, decisión… No proceso de cambio que queriamos, de estilo de traballo máis horizontal, supoñía transformarme eu, as miñas dinámicas persoais e profesionais. Axudoume moito e téñoo como ancoraxe cando moitas veces percibo en min mesmo algún resorte… VIRADA é unha ancoraxe para recolocarme.

LAURA. Foi un proceso de transformación á hora de como desempeñar o labor de responsable de calidade, como afrontar o coñecemento persoal de como es e como enfrontas certas situacións que che xeran dificultades. O facer ese exercicio de introspección coas ferramentas que che proporciona VIRADA Liderado, permitiume enfrontar as cousas doutra maneira: ampliar a mirada, xestionala doutra maneira…

Antes de chegar aquí non era responsable de practicamente nada e hai un proceso de aprendizaxe á hora de facelo, non é sinxelo. Adquirir ferramentas e habilidades para facelo é, canto menos, interesante.

ÁNGELES. Foi moi importante a nivel persoal. Aprender dinámicas, estratexias, e, sobre todo, aprender a  desaprender…

 

ALGALIA. Das distincións traballadas, cales foron as máis transformadora no desenvolvemento do teu liderado?

ÁNGELES. Aprender a  desaprender, que representamos roles e que o desenvolvemos dunha maneira persoal…

LEVÍ. Foi clave toda a parte de lingüística: as declaracións, afirmacións… Incorporar isto á hora de expor cousas, establecer diálogos e conversacións interesantes, foi importante.

Tamén o tema dos xuízos: cantos teño, cantos teño que desmontar… Saber como tratalos, é importante tamén dentro do equipo.

 

ALGALIA. Que impacto tivo na túa organización a túa participación en VIRADA Liderado, nun titular?

ÁNGELES. Evolución, transformación e unión.

LAURA. VIRADA é un proceso de aprendizaxe e transformación. Vas facer as cousas desde unha perspectiva máis completa.

LEVÍ. O Programa chámase VIRADA, e a virada non é un momento, é un proceso. Para nós o que fixo é iniciar un proceso, deixar un pouso. Mola navegar virando, descubrindo, descubríndote, compartindo…

Unha clave é pasar varios por aí, porque podemos falar a mesma linguaxe e podemos virar e compartir moitas cousas. Ese crecemento persoal e individual de cada un tamén une moito.

 

ALGALIA. Moitas grazas, Equipo!

 

David Pereiro. Responsable de VIRADA.

Voltar

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *