O programa VIRADA desenvólvese arredor de tres piares fundamentais:

  • A linguaxe.
  • As emocións.
  • A corporalidade.

Desta última ocupámonos agora a través da proposta da Biodanza que o programa incorpora como unha das actividades que provocan máis sorpresa.

O corpo constitúe para os seres humanos un espazo íntimo e relacional dende o que as persoas sentimos, aprendemos, sufrimos, gozamos, compartimos, amamos… A Biodanza (ou danza da vida) é unha disciplina que incorpora o corpo, en moitas ocasións esquecido, á transformación das persoas.

 

 

A Biodanza nace nos anos 60 do pasado século da man de Rolando Toro Araneda, psicólogo, antropólogo e escritor chileno, no contexto dunha experiencia de investigación antropolóxica relativa á humanización das contornas hospitalarias. Apóiase en ciencias tradicionais académicas como a psicoloxía, a antropoloxía, a fisioloxía e a etoloxía. Isto é, non xurde de crenzas imaxinarias ou máxicas que invitan a bailar ou danzar sen máis, senón a través dunha determinada metodoloxía que desenvolveu ao longo dos anos.

Esta metodoloxía está baseada en inducir vivencias integradoras mediante exercicios agrupados en cinco liñas:

  • Vitalidade.
  • Sexualidade.
  • Creatividade.
  • Afectividade
  • Transcendencia.

O seu creador defínea como a unha poética do encontro humano, como un modo de relacionarnos para que todas as persoas, con independencia da nosa idade ou condición persoal ou social, poidamos desfrutar da danza a través do encontro con nós mesmas e con outras persoas.

Nos seguintes enlaces podes ver dúas demostracións do creador da Biodanza:

 

 

A Biodanza forma parte da proposta de aprendizaxe dos programas de VIRADA LIDERADO e PROFUNDIZACIÓN, que desenvolvemos en ALGALIA en colaboración coa Fundación EDE e a Mondragon Unibertsitatea. Asemade, forma parte dos contidos académicos do Master en Coaching de Personas e Equipos da MU, vinculado asemade ao itinerario do programa VIRADA.

 

 

Para esta ocasión contamos coa colaboración de Nati Rivadulla, facilitadora de Biodanza en Galicia. Define  esta disciplina como unha práctica divertida e tamén unha experiencia moi profunda que ten por detrás unha gran técnica de movementos e que está moi reflexionada e experimentada. A Biodanza é música, movemento, situación grupal, emoción, silencio.

En canto aos beneficios da mesma destaca que a Biodanza busca espertar movementos esquecidos, reprimidos, para así poder recuperar aspectos existenciais da miña vida. Movemento e existencia van intimamente unidos. Por exemplo, cando recupero o movemento de potencia, teño a capacidade de tomar decisións máis rápida, estou máis receptiva, máis asertiva… Cando recupero o movemento de fluidez, síntome máis desapegada, xenerosa…

A situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19 supuxo a limitación nos encontros interpersoais e actividades grupais nas que se basea esta disciplina. Nestes momentos aínda non podemos desfrutar da Biodanza, en sentido estrito, xa que a mesma esixe estar presente nun espazo, en contacto con outras persoas, coa mirada, coa aperta…

Aínda así, podemos facer, en palabras de Nati un pequeno chisco que nos lembre e nos poida reconectar con esta disciplina. Só precisas roupa cómoda, espazo para moverte, baixar a luz… Podes tamén acordar unha hora á que quedar con máis persoas e compartir esta mesma música para danzar en cadansúa casa. Anímaste a danzar, soa ou en compañía?

Velaquí a proposta adaptada á situación que estamos a vivir e que Nati elaborou especialmente para nós, para ti:

 

 

 

Nati Rivadulla facilita actualmente grupos de Biodanza en Galicia. Para saber máis, podes mergullarte no seu Blog ou contactar directamente través do 699 642 122.

Agradecemos a súa colaboración, que nos brinda a oportunidade de reconectarnos ata que  poidamos facelo en persoa. Graciñas, Nati!

 

Equipo VIRADA. Ander, Itzi, Celso, Begoña e David.

 

Voltar

1 comentario en “Biodanza: unha poética do encontro humano

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *