Convocante

Concello de Lugo

Publicación

19-12-2015

Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD) para a realización de proxectos concretos de cooperación en países menos desenvolvidos e de sensibilización na cidade de Lugo.

A finalidade da convocatoria é financiar a realización de accións e proxectos que contribúan a:

  1. Satisfacer as necesidades básicas da poboación dos países máis empobrecidos, entendendo como necesidades básicas as relacionadas coa alimentación, vivenda, saúde, educación, servizos sociais e/ou implantación de pequenas infraestruturas.
  2. Impulsar e executar accións de desenvolvemento local sostible e autosostido, entendendo como tales as orientadas ao desenvolvemento, sostibilidade e atención ás necesidades socioeconómicas da poboación (prestación de servizos básicos de luz, auga, transporte, rehabilitación de áreas urbanas…)
  3. Executar accións de sensibilización, información e educación para o desenvolvemento.

Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento que reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento creado pola Xunta de Galicia.
  • Acreditar, no caso de proxectos de cooperación ao desenvolvemento, unha experiencia mínima de 2 anos no ámbito territorial de actuación para o que se solicita o proxecto.
  • Carecer de ánimo de lucro e non depender economicamente ou institucionalmente de entidades lucrativas.
  • Ter entre os seus fins institucionais expresos, segundo os seus propios estatutos, a realización de actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e o fomento da solidariedade entre os pobos, cooperación social ou actividades similares.
  • Dispor de estrutura necesaria para garantir o cumprimento dos seus obxectivos acreditando unha experiencia mínima de catro anos realizando proxectos coa consecuente capacidade operativa para isto.
  • Ter xustificadas en prazo e de acordo coas bases reguladoras de cada convocatoria as subvencións concedidas, con anterioridade polo Concello de Lugo, para o cumprimento de fins análogos, durante os dous exercicios económicos anteriores.
  • Estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Delegación de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, coa Tesourería Territorial da Seguridade Social e co Concello de Lugo, respectivamente.
  • Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario/a das subvención.
  • Presentar un proxecto que sexa tecnicamente viable.
  • Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia e manter a entidade aberta durante a execución do proxecto e ata 1 ano despois da súa finalización.
  • Que nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento se identifiquen as contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, contando expresamente o seu compromiso no proxecto.
Voltar