En 2025, coincidindo co 30 aniversario de Algalia, a entidade levou a cabo unha ampliación da sociedade incorporando a catro novos socios. Ani López, que forma parte da área de ADMINISTRACIÓN desde hai 26 anos, foi unha delas, e así afronta esta nova etapa:
1.Despois de tantos anos formando parte do persoal de Algalia, que supuxo, a nivel privado, dar este paso e converterche en socia xusto no ano en que a entidade celebraba o seu 30º aniversario?
Para min, ante todo supuxo un exercicio de coherencia e compromiso.
A nivel persoal supón pasar de estar no proxecto de Algalia a ser parte del, sendo unha mais aportando na súa continuidade. Non só é un recoñecemento á traxectoria pasada; tamén hai unha aposta decidida polo futuro da entidade.
Considerando que levo practicamente a metade da miña vida traballando aquí, sempre tiven un vínculo emocional e profesional cos valores de economía social que defende.
Formar parte de Algalia como socia, cando a entidade cumpre tres décadas, reforza a idea de relevo xeracional e estabilidade.
É un orgullo compartir con quen empezou este camiño alá polo ano 95 e unha boa motivación para afrontar os retos que virán.
- Lembrando a túa traxectoria profesional, que valores cres que foron clave para que hoxe se te recoñeza como socia, e como influíu Algalia na túa forma de entender o traballo e as persoas?
Penso que Algalia me deu a oportunidade de ser socia por valores como compromiso, lealdade e responsabilidade, xa que no posto de administración a confianza adquírese co coidado do invisible, axudando a facer que todo funcione. Dende administración, cada día que entro na oficina non se trata de xerar ingresos, se non de axudar a que toda a organización teña o necesario para desenvolver o seu traballo. O meu posto en Algalia axudoume a entender que detrás de cada dato ou xestión administrativa hai un proxecto social e un equipo humano
Certo é que nalgunhas ocasións custou adaptarme aos novos momentos pero algo que Algalia me ensinou é que é fundamental formar parte do proceso de cambio.
- Desde esta nova responsabilidade como socia, que compromiso sentes que asumes co resto do equipo e cos clientes aos que representa Algalia, e que che gustaría achegar nesta nova etapa?
Dende esta nova responsabilidade como socia, sinto que xa non solo me ocupo das tarefas administrativas, se non tamén da sustentabilidade dun proxecto común que naceu hai 30 anos e que poido ser parte das inquietudes de Algalia e de que estas se traduzan en decisións que beneficien a todas.
Respecto aos clientes, entendo que o que mais represento é estabilidade na organización, pois hai clientes cos que levo falando dende que cheguei.
Nesta nova etapa gustaríame aportar o meu punto de vista nos procesos internos para gañar eficiencia pero sempre dende un toque humano. Facer mais presente a administración, pois polo traballo do día a día ás veces o que priman son os números. Gustaríame axudar a reforzar o benestar do equipo Algalia, impulsando políticas que melloren o clima laboral. E por último gustaríame contribuír a que dentro de outros 15 anos Algalia siga apoiando á economía social.