O significado das palabras que empregamos no noso devir cotiá nunca é secundario, pero cando falamos de persoas, de ámbitos tan sensibles como o social ou terceiro sector, a súa magnitude cobra especial relevancia na nosa fala.
Esta semana avanzamos un paso na inclusión das persoas con discapacidade, xa que se aprobou no Congreso a reforma do artigo 49 da Constitución, que vai permitir substituír o termo diminuído pola expresión “persoas con discapacidade”. A reforma do texto constitucional pechará así unha demanda que levaban tempo reclamando todos os colectivos representativos da discapacidade. A redacción da Carta Magna en 1978 hai tempo que quedou obsoleto e que precisaba dunha revisión global adaptada a la visión actual deste conxunto social que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, en abril de 2022 estaba integrado por máis de 4,3 millóns de persoas en España.
O termo “persoa con discapacidade” é o apropiado para utilizar fronte a outras referencias discriminatorias, degradantes e insultantes como son diminuído. Falar de persoa con discapacidade é dar un paso máis cara á inclusión e o respecto dun colectivo que forma o 9% da poboación mundial. A utilización dunha linguaxe apropiada que non menosprece á persoa non só é necesario, senón que é unha obriga de xustiza social.
Así as cousas, a nova redacción no artigo 49 da Constitución establece que “as persoas con discapacidade son titulares dos dereitos e deberes previstos en condicións de liberdade e igualdade real e efectiva, sen que poida producirse discriminación”. Ademais, indica que “os poderes públicos realizarán as políticas necesarias para garantir a plena autonomía persoal e inclusión social das persoas con discapacidade” e que “estas políticas respectarán a súa liberdade de elección e preferencias e serán adoptadas coa participación das organizacións representativas de persoas con discapacidade” nos termos que establezan as leis”.
A reforma constitucional neste caso non se queda só nos aspectos lingüísticos, senón que incorpora novos matices con respecto á igualdade de dereitos destas persoas con respecto aos demais cidadáns, en especial, a atención “ás necesidades específicas” que teñen mulleres e menores con discapacidade.
En definitiva o cambio de palabra mostra moitas máis cousas. Mostra a realidade dun movemento asociativo de persoas e familias, que levan 40 anos defendendo os dereitos que, como cidadáns, teñen. Mostra a superación dunha visión asistencial pasando a ser suxeitos de deberes e dereitos. Mostra a forza da sociedade civil. E mostra a calidade dunha sociedade ao través de como se comporta cos máis débiles.
Celso Gándara, xerente de Algalia e presidente do Foro Pola Economía Social Galega FOROESGAL