O Programa Virada constitúe o programa estrela de formación e acompañamento creado por Algalia en colaboración con outras entidades, para persoas, equipos e organizacións, hai xa sete anos. En 2024, Virada Equipos cumprirá a súa sétima edición, mentres que Virada Liderado celebrará a oitava. Ademais, en 2025 regresará a terceira edición de Virada Profundización, un programa orientado ao desenvolvemento do exercicio do liderado nas organizacións que facilita o acceso ao Máster en Coaching de Mondragon Unibertsitatea.
1.- O programa Virada cumpre sete anos cunha mellora continua en calidade de contidos e participación en cada edición, cal é o secreto do seu éxito
Non hai dúbida: a xenerosidade e complicidade coa proposta das persoas e entidades que as envían.
En Caldaria Arnoia ou Laias, na Cidade da Cultura, que son espazos vinculados a VIRADA desde case os seus inicios, xérase un espazo de confianza e seguridade onde rapidamente as persoas ábrense e comprométense cun proceso de crecemento persoal e profesional.
Sabemos que ese sentido de pertenza de grupo perdura máis aló do programa de VIRADA en que se participe. Cónstanos que se xera unha rede informal, pero moi potente, de soporte profesional.
Cremos que o compromiso de todo o equipo facilitador de VIRADA, desde a acollida das persoas de administración de ALGALIA, ata o equipo de coachs e os nosos referentes de EDE Fundazioa, Ander e Itzi, é outra clave. Cremos nisto moi profundamente.
Traballamos competencias transversais que son clave en todas as organizacións: como nos falamos, como nos escoitamos e escoitamos aos demais, como identificamos e manexamos as nosas emocións, como contamos co noso corpo, que sempre está aí dándonos información… O que abordamos pódese levar directamente ao traballo, e moitas veces tamén, á vida persoal. Vemos como as persoas evolucionan, “viran”.
Marabíllanos que cada ano contemos con persoas e equipos dispostas a parar, tomarse un tempo e emprender unha viaxe de transformación. Cremos que ten que ver cun diagnóstico compartido que se podería expresar así: “o que nos trouxo ata aquí, foi cun custo moi grande que non é sostible, ou é posible que non nos leve máis aló…”. Humildemente cremos que a nosa proposta conecta con esta disposición inicial.
Logo, as persoas participantes devólvennos que cren que son máis efectivas e gozan de maior benestar persoal e organizacional “virando” a súa maneira de observar a realidade, de comportarse e de gozar do traballo.
2.- Cales son os aspectos do Programa que máis valoran os seus participantes cando finalizan a súa participación?
Enuméroos moi sintéticamente, e seguro que me deixo algo no tinteiro…
A proximidade. Isto faise en Galicia. Afortunadamente cada vez hai máis proposta similares, e non é necesario o heroísmo de investir moita enerxía e esforzo económico en formarse fóra do noso país.
A contribución de EDE Fundazioa e Mondragon Unibertsitatea. A facilitación dos outdoor en Caldaria de Ander e Itzi, ou de Juanfe, Agurtzane e Nerea de MU, achega miradas e contribucións de calidade e con outras referencias, sempre enriquecedoras.
O espazo de confianza e seguridade que se constrúe. Isto é máxico. Aos poucos minutos de coñecernos, o primeiro día, falamos de cousas que é posible que nunca compartísemos…
Caldaria. Os “chorritos” das piscinas, despois da xornada… As Estrella Galicia vendo as estrelas… As risas e bailes compartidos… Isto é moi grande!
A presencialidade. Isto non se pode facer virtualmente… En pandemia, pillounos VIRADA Liderado despois do primeiro Outdoor (Laias) e primeiro Obradoiro (Cidade da Cultura). Tivemos que retomar cando o mundo nos deixou.
O acompañamento. Cada cal, persoa e equipo, ten o seu ritmo. O equipo de coachs, o grupo, acompaña ao ritmo que cada cal necesita. Con calma. Os nosos coachs: Miguel, Begoña, Mary, Celso… Son un valor importante do programa.
A diversidade. Atopámonos entidades do terceiro sector, do cooperativismo, produtivas… A maior parte, da familia da economía social. Con diversos propósitos, con diversas causas. Recoñecémonos diferentes e sentímonos un na intención de facer máis, mellor, e con maior benestar.
Os contidos. Creo que xa o expliquei na anterior pregunta. Os contidos son tamén importantes.
3.- Como responsable de Virada, que valoración recolles da evolución do Programa a día de hoxe? A que retos ou novidades enfróntase nos próximos anos?
Non foi fácil manter esta traxectoria ininterrompida de propostas: Sete edicións de VIRADA Liderado, seis de VIRADA Equipos e dúas edicións marabillosas de VIRADA Profundización (programa que organizamos cada tres anos e dá acceso ao segundo módulo do Máster da Mondragon Unibertsitatea de coaching).
Cada ano modificamos a proposta de contidos, axustámola ás necesidades e demandas do grupo. Seguímonos formando como equipo e preguntando como o podemos facer mellor.
En VIRADA Equipos redeseñamos o programa, incorporando espazos convivenciais dos equipos en Caldaria, o cal enriqueceu a proposta.
Incorporamos coachs e facilitadores que se formaron en MU e comparten a filosofía do programa. Temos presente que ninguén pode acompañar a lugares que non se visitaron…
A “comunidade VIRADA” foi medrando, e isto levounos a en novembro de 2022, hai case un ano, a atoparnos para reflexionar sobre se a evolución das nosas organizacións ha de conducirse co referente das organizacións TEAL. Acordamos que é un bo referente, e nisto estamos… TEAL? Atender ao propósito da organización, conectar coa plenitude das persoas, desenvolver a autoxestión como maneira de organizarnos.
A nosa mirada, por defecto, incorpora tres dimensións: a persoa, o equipo no que desenvolve a súa contribución ao propósito da súa organización, e a entidade (empresa, asociación, fundación, federación, cooperativa…) no seu conxunto. E desde esa mirada, ofrecemos dous programas:
- VIRADA Liderado, para a transformación persoal.
- VIRADA Equipos, para o incremento da efectividade e sustentabilidade de equipos de traballo.
- E estamos a traballar intensamente para lanzar un VIRADA que axude a promover cambios na cultura organizacional. Vimos facendo hai anos este traballo, e cremos que chegou o momento de presentar un enfoque integral e sistemático… O referente TEAL é clave neste asunto.
Pero bo, quen sabe que nos deparará o futuro? Traballamos para ofrecer compases en contextos de incerteza e cambio constante.