Os días 18 e 19 de novembro de 2022, en Allariz, demos un pasiño máis na contribución de VIRADA ao desenvolvemento do paradigma TEAL nas organizacións de economía social en Galicia. Celebramos un encontro de comunidade TEAL.

Desde o ano 2018, en VIRADA vimos dándolle voltas a proposta que Frederic Laloux fai ao mundo do desenvolvemento organizativo co seu libro Reinventando las organizaciones.

Dende hai anos, nas nosas entidades de economía social impulsamos procesos de fortalecemento e transformación. Neste momento, organizacións de todo o mundo e de distintos tipos están a adoptar un novo paradigma que lles permite afrontar novos retos a través dunha cultura organizativa renovada: o paradigma TEAL (si, é unha cor: verde azulado, turquesa… )

Este paradigma baséase no desenvolvemento de tres principios:

  • Propósito evolutivo.
  • Equipos autoxestionados.
  • Plenitude.

O noso comportamento organizacional está suxeito a diferentes niveis de consciencia. O paradigma Teal é unha invitación a visibilizar estes estados de consciencia e a desenvolver accións de evolución organizativa para despregar esta visión do mundo na práctica organizativa.

VIRADA é o referente no que ALGALIA, en colaboración con outras entidades, agrupa as súas propostas formativas para acompañar a persoas, equipos e organizacións. Para iso, desenvolvemos as seguintes iniciativas:

  • Desde 2010, consultoría de desenvolvemento organizativo inspirada nas referentes que fundaron el paradigma TEAL.
  • Desde 2016, o programa VIRADA Liderado, orientado a desenvolver habilidades de liderado de persoas directivas de organización e responsables de equipos de traballo.
  • Desde 2016, o programa VIRADA Equipos, focalizado no desenvolvemento de equipos efectivos e afectivos.

 

Cal era o propósito do encontro da comunidade TEAL?

Convidamos a persoas e entidades de economía social que confiaron en VIRADA como unha panca de transformación persoal e organizativa, coa finalidade de abrir unha conversa na que, presentando inicialmente esta referencia de forma explícita e desde unha perspectiva experiencial, puideramos analizar como estamos cada un respecto a proposta; analizar como este paradigma resoa na nosa vontade persoal e organizativa; e traballar nalgunhas cuestións clave neste sentido:

  • Como evolucionou o noso propósito ou misión?
  • Que estrutura organizativa necesitamos para afrontar os retos actuais e futuros?
  • Que nivel de empoderamento queremos para os nosos equipos e persoas?
  • Como facemos a nosa organización centrada nas persoas?
  • Como podemos promover procesos de cambio nos nosos contornos? Que cultura organizativa nos define?

 

A quen convidou VIRADA?

Convidamos, e responderon á invitación de VIRADA, ás seguintes entidades e persoas:

  1. A MARIÑA. Mary, Directora Técnica Xeneral-Xerente; e Sonia, Directora de CRPL.
  2. ACEESCA. Angeles, Xerente; Lola, Vicepresidenta da Xunta Directiva; e Mari, Directora de Infancia e Xuventude.
  3. ALENTO. Gonzalo, Xerente; e Laura, Directora Técnica.
  4. AMIPA. Begoña, Directora-Xerente; e Esther, Membro da Xunta Directiva.
  5. AVELAIÑA. Rafa, Xerente; e Rosabel, Traballadora Social.
  6. COGAMI. Ana, Directora de Recursos Humanos; e Charo, Coordinadora de áreas.
  7. EVD GALICIA. Laura, Responsable de Calidade; e Leví, Xerente.
  8. FEGEREC. Carmen, Directora socio sanitaria e responsable do Servizo de acollida; e Isabel, Responsable da Área de traballo social.
  9. XEROME. Ciano, Xerente; e Eva, Directora da Área de Proxectos.

 

Que pasou?

Compartimos, vivimos, sentimos, contrastamos, reflexionamos…

No centro da conversa puxéronse moitas palabras. Aquí tes algunhas que xurdiron ao responder conxuntamente á seguinte pregunta: de que é preciso ocuparse para facer música (compoñela ou/e interpretala), é dicir, para organizala?

Liberdade, eficiencia, público, interpretación, seguridade, comodidade, alegría, ser autor, ser intérprete, talento, harmonía, paradigma, recursos, orde, compromiso, estrutura, caos, liderado, persoa, decidir, orquestra, banda, virtuosismo, híbrido, por que, formar parte, confianza, interdependencia, educación, contratación, músicos, desaprender, ao meu gusto, dono, autonomía, espazo, conquista, músicos que piden, verticalidade, máis chaparrita, como fago, momento vital, crecemento, autoxestión, equipos , que non veña o director, proceso, sistema, pauta, perderse, espazo caórdico, posicionamento, apoio, axilidade, resultados, participación, oportunidade de decisión, estrutura…

 

E despois disto, que?

Dende o compromiso persoal das persoas participantes para avanzar nun camiño de desenvolvemento da finalidade organizativa, a promoción de espazos de autoxestión, e a procura da realización persoal, de equipo e organizativa, acordouse seguir experimentando. Seguir aproveitando e xerando oportunidades que se comparten para intentar, tentar sempre, habitar espazos onde o mellor do que significa ser humanos está presente.

Iremos construíndo o futuro, aproveitando e xerando oportunidades para o benestar que todos e todas merecemos e desexamos.

 

David Pereiro, responsable do Programa VIRADA.

Voltar