Todos os que vivimos de preto o terceiro sector sabemos que este medrou moito nos últimos anos: influencia social, recursos dispoñibles, traballadores remunerados… Paralelamente as organizacións foron incorporando funcións profesionais que tradicionalmente non tiñan: comunicación, calidade, recursos humanos…

Explicarlle á sociedade o que facemos, captar recursos para destinalos aos nosos proxectos, facer as cousas ben a primeira, ou establecer bos equipos de traballo son algúns dos froitos derivados do feito de contar con profesionais, que se fan cargo das funcións mencionadas.

En todo este proceso, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) omnipresentes na nosa sociedade, non se incorporaron de forma suficiente á vida cotiá do sector.

Investimos recursos importantes en calidade (procedementos, auditorías, certificacións…) pero non pensamos nas TIC como unha ferramenta fundamental para acadala. Apostamos pola comunicación porque, entre outras razóns, é a maneira de darnos a coñecer e captar novos recursos para a nosa actividade. Pola contra, non temos presente que as TIC poderían axudarnos a reducir os nosos custos, e polo tanto, a ter menos necesidades de captación.

Non é inusual atopar entidades que utilizan ferramentas para funcións que non lles corresponden, ou nas que determinados procesos se repiten de forma mecánica sen achegar ningún valor engadido e xerando  ademais erros que piden horas para ser corrixidos.Todo iso supón  unha cantidade enorme de traballo innecesario ou que foi necesario repetir. Traducido en euros, a cifra  daría para manter un bo número daqueles proxectos que non puidemos sacar adiante porque ninguén nolos financiou.

O papel das TIC en boa parte das organizacións do terceiro sector é anecdótico máis aló dos seus usos evidentes. Están presente porque vivimos na era das TIC e estas entraron por baixo da porta, case que sen decatarnos. Temos ordenadores, acceso a internet, pero de aí, a convertelas nun activo estratéxico aínda nos queda moito camiño por percorrer.

As TIC teñen que ser un factor transversal que contribúa a un maior e mellor cumprimento da misión de cada organización e, para iso, cómpre que se integren na planificación estratéxica das entidades, no corazón de cada un dos proxectos, procesos e actividades.

Cando falamos de transversalidade, queremos dicir que as TIC poden estar presentes en todos os ámbitos de traballo da entidade, que poderiamos agrupar en seis grandes áreas:

  • Proxectos relacionados cos obxectivos da organización.
  • Comunicación e captación de recursos.
  • Sensibilización e incidencia política.
  • Fomento da participación.
  • Transparencia e rendición de contas.
  • Xestión interna.

Se temos presente que esta aposta transversal polas TIC supón, en definitiva, máis impacto na consecución dos propios obxectivos, unha maior difusión da propia actividade e a obtención de máis recursos, non debería haber ningunha razón para non facelas moito máis presentes do que o son actualmente. Trátase, no fondo, dunha cuestión de responsabilidade máis que de necesidade.

Sería interesante, pois, botar unha ollada ás dificultades coas que nos atopamos  en este camiño de crecemento en materia de TIC e que impiden a súa plena adopción.

Obstáculos na penetración das TIC

Os obstáculos que dificultan unha maior penetración das TIC nas nosas entidades se manifestan ao redor de dúas grandes áreas:

  • Coñecemento e formación.
  • Recursos económicos

Coñecemento e formación

Cun maior coñecemento en materia de TIC, os xestores e os traballadores poderían tomar máis decisións orientadas a aproveitalas. Ao mesmo tempo, unha maior formación permitiría un uso significativamente máis eficaz e eficiente das diversas ferramentas e recursos TIC que as entidades e os profesionais temos o noso alcance.

Neste proceso, as entidades e os seus membros deberían ter presentes actitudes como a paixón pola aprendizaxe, a vontade da autosuficiencia tecnolóxica, a superación do “sempre o fixemos así” e a aposta polo coñecemento distribuído e compartido. Todo o conxunto debería apuntar ao obxectivo de conformar, máis que persoas, organizacións que aprenden.

Recursos económicos

Por outra banda, os directivos son reticentes a asignar fondos ao área TIC, alegando a necesidade de priorizar os proxectos encamiñados a cumprir ca misión da organización, nun contexto habitual de escaseza de recursos. Unha lectura en clave de investimento e non de gasto facilitaría a incorporación de ferramentas TIC, que en boa parte dos casos quedarían plenamente xustificadas polos beneficios que achegarían.

De todos os xeitos,do mesmo modo que na captación de coñecemento, as entidades tamén poden utilizar estratexias específicas para a captación e asignación de recursos para a execución de proxectos TIC, máis alá do investimento directo de recursos propios, que sempre é unha opción.

Unha vez máis, cómpre ter presente o papel que pode desempeñar  o voluntariado, pero tamén a dispoñibilidade de ferramentas e bases de programación de código aberto dispoñibles libremente en Internet, os novos paradigmas de desenvolvemento en contorno web que permiten crear aplicacións moito máis adaptadas e en constante evolución con menos investimento, e a posibilidade de construír ferramentas de forma colectiva e compartida con outras entidades.

Alí onde a ausencia de tecnoloxía obrigaba a investir moito máis tempo na recopilación de información, podería haber máis tempo de calidade para as persoas beneficiarias. Alí onde era necesario parar a actividade para facer números ou xestionar axudas, podería haber máis tempo para a atención ás persoas. Alí onde os gastos daban medo, atopariamos un aforro en forma de horas de profesionais aproveitadas para o desempeño da misión da entidade e non dedicadas a facer tarefas sen valor engadido. E alí onde a falta de supervisión e actualización dunha primeira boa iniciativa provocara perda de coñecemento nun traspaso mal realizado, atopariamos ferramentas documentadas e progresivamente adaptadas aos novos desafíos e demandas da actividade da entidade.

Angel Rodríguez
Socio Consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

Voltar