Miguel Ángel Barbosa forma parte de Algalia desde 2005 e é o responsable do servizo de Consultoría da entidade.
1.- Cal é a principal función do Servizo de Consultoría Algalia para as entidades coas que traballa?
En Algalia contribuímos á transformación e mellora das organizacións, acompañándoas desde a realidade que viven, desde a honestidade, e aportando unha visión e metodoloxías sistémicas, unhas innovadoras e outras que demostraron plenamente a súa eficacia e están en constante evolución.
2.- A nivel interno, como é o equipo que desenvolve o servizo e como evolucionou nos últimos anos?
Sinto que somos un equipo altamente implicado na causa das entidades, e responsable de contribuír, da mellor maneira, ao seu desenvolvemento organizativo. Isto mantennos nun proceso interno de mellora continua e, polo tanto, de aprendizaxe, para seguir alimentando a nosa caixa de ferramentas e ser cada día un pouco mellores.
Volvendo un pouco á historia da consultoría, recordo que cando entrei en Algalia en 2005 con David Pereiro, non existía unha liña de consultoría como tal. Era un área de proxectos de dinamización asociativa e formación, principalmente, e non sabíamos moi ben como dar o salto á Consultoría, ata que en 2012 unha reflexión interna marcou o punto de inflexión e aspiracional.
Outro dos puntos clave para nós foi a aprendizaxe que tivemos en materia de liderado e desenvolvemento de equipos, en 2014, da man da Fundación EDE e da Universidade Mondragon, que, pouco despois, incorporamos á consultoría a través do programa Virada. Ao longo destes anos, entendemos que somos mellores e aportamos máis valor ás entidades se contamos cunha rede de colaboradores que completen a proposta de valor da consultoría. Neste sentido, contar con LKS, a Fundación EDE, Abre paréntesis, Begoña Suarez e Maria José Nóvoa, entre outros, converteunos nunha consultoría cunha maior e mellor capacidade de resposta.
Ademais, incorporamos a Consultoría Económica de xeito estrutural, da man do noso compañeiro Ángel Rodríguez, apostando pola contabilidade social.
3.- A que retos se enfrontan actualmente as entidades do terceiro sector?
Das múltiples conversas que mantemos coas entidades e os abundantes informes sobre retos e tendencias do sector para os próximos anos, sinto que todos somos conscientes dos efectos que está a ter, e posiblemente, vai ter a medio prazo a situación vivida pola COVID-19.
Desde unha perspectiva ampla, o contexto é de dificultades económicas, que todos coñecemos, polo tanto, un incremento dos gastos de persoal non equilibrado cos ingresos do principal financiador (Administración Pública), que inexorablemente debería levarnos a repensar e reaxustar as nosas organizacións desde unha perspectiva estratéxica cara ao futuro. Ábrense novas oportunidades, aproveitemos as axudas que chegan dende Europa para esta transformación, ben a través do PERTE de economía social e dos coidados, ou outras vías que permitan avanzar ás entidades.
Ademais, nos próximos anos non son poucos os que entran nun relevo xeracional, por iso é necesario prepararse cara o futuro.