Merchi González leva once anos no Servizo Laboral de Algalia. O seu principal labor é o asesoramento e a xestión laboral de entidades sen ánimo de lucro.

1.- A área na que traballas sofre constantes cambios normativos de orde xurídica e laboral, sobre todo trala reforma laboral de 2022. Como afrontades e xestionades estes cambios de cara aos clientes?

Dentro dos distintos servizos da asesoría, o servizo laboral sempre foi un sector en constante cambio, actualización de convenios, de bases e salarios mínimos, de antigüidades…  Pero, ultimamente, a xestión está sendo realmente complicada polo incremento de normativa que afecta ao noso traballo, os cambios lexislativos sen tempo para adaptar programas e outras ferramentas… E o problema engadido de que a propia administración non é quen de adaptarse nos prazos impostos por ela mesma…

A xestión laboral dende que empecei, hai trinta anos, ata agora non ten absolutamente nada que ver… Por suposto, moitos cambios serviron para mellorar e facer o noso labor máis eficaz e rápido pero, polo camiño, tamén perdemos o contacto directo coa administración, sobre todo dende a pandemia. A posibilidade de consultar, de comunicarnos e de axudarnos mutuamente, de ter unha interlocución directa coa administración entre profesionais que ao final procuran o mesmo…

De cara ás nosas entidades intentamos comunicar as modificacións do xeito máis claro posible, aportando información sobre cómo lles van afectar e apoialos na súa xestión.

2.- O Servizo Laboral de Algalia uniuse á reivindicación do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra contra o incremento na esixencia das obrigas con derivación de labores propios da Administración cara o o voso colectivo, co conseguinte esforzo extra. En que punto se atopa a negociación? 

Sempre é difícil lograr cambios na administración. Os colexios de Graduados Sociais, a nivel nacional, deberían estar moito máis unidos e implicados nesta protesta. Hai un importante incremento de traballo causado pola burocracia da administración que non redunda en beneficio dos nosos clientes, e iso non é sostible.

Por outra banda, non contan co noso colectivo para consultar ou confrontar as normas, ou os prazos para levalas a cabo, sen embargo sÍ recae sobre nós a responsabilidade de tramitalas e explicalas cando as persoas afectadas son as nosas entidades.

3.- Que parte da túa actividade é a más difícil de xestionar no día a día? E a máis agradecida?

Para min, o máis difícil é a inseguridade xurídica na que nos atopamos, non pode ser que a interpretación dunha norma dependa de quen te toque como inspector ou como interlocutor da administración. Iso é complicado explicarllo a un cliente…

A máis agradecida é o noso sector, onde hai moita xente preocupada por mellorar a vida doutras persoas, intentando facelo o mellor posible. É o que nos dá azos, e aporta valor á nosa función.

Voltar