É que hai equipos artificiais? Sendo honestos, en ocasións parece que si. Para crecer en efectividade é recomendable que todo o equipo comparta conversacións para “falar do noso”.
Noutra ocasión, picar aquí, comentaba que “non calquera agrupación de persoas que traballan xuntas é un equipo. Fai falta algo máis que un interese compartido. Fai falta unha visión compartida, unha complementariedade de roles para o desempeño do que é preciso facer para lograr os obxectivos comúns. Esixe compromiso, visión, traballo, responsabilización polos obxectivos compartidos…”.
Nesa ocasión, convidábache a unha pequena reflexión: “A que equipos pertences na túa organización? Cantos equipos hai na túa organización? Hai grupos, cuadrillas, bandas…? Cóidanse e adestran os equipos nos que participas? Cando falades de como vos vai como equipo, máis aló das tarefas nas que vos atopades?”
O suposto desde o que facía eses comentarios é que nun equipo compártese tarefa e xera relación, e que entendemos que os equipos máis efectivos son aqueles que se desempeñan a súa tarefa con calidade e que establecen relacións de calidez..
Que quere dicir este xogo de palabras, calidade e calidez? Queremos apuntar que o resultado do seu traballo é bo (dirixir unha organización, xestionar un servizo, administrar unha organización, realizar acción voluntaria…), e a relación que se establece satisfai e vincula aos seus membros (debatemos sobre alternativas para facer as cousas sen que se resinta a relación, falamos do que é preciso mellorar sen estar á defensiva, dicímonos cousas que nos custan e iso axúdanos a respectarnos máis, gozamos do encontro para o traballo…).
E neste contexto, que é isto de que o natural é traballar en equipo natural?
As estruturas que se deseñan nas organizacións para dotalas duns dos requirimentos fundamentais do seu modelo organizativo establecen que un grupo de persoas ha de coordinarse para obter uns resultados. Estas persoas que se reúnen, planifican, seguen as súas actividades, avalían os seus resultados, configuran un equipo de traballo “natural”. Son considerados e senten como un equipo. Sábese quen pertence a ese equipo, como se ordena, cal é a contribución específica que cada un dos seus membros realiza para enriquecer a súa dinámica de funcionamento.
Cando nun destes equipos aparecen dificultades, ou se ten que enfrontar a novos retos, xorde a necesidade de abordar dunha maneira específica esa circunstancia. Habitualmente facilítase que a persoa líder dese equipo consuma formación sobre liderado. No mellor dos casos, dúas persoas participan desa formación, xa que a aposta é grande e os recursos limitados.
Esta perspectiva pode ser válida, pero incompleta. Por que non abordar os retos en equipo, onde hai experiencia e riqueza, onde se han de resolver algunhas cousas? A nosa experiencia dinos que os equipos atesouran capacidades insospeitadas. Ás veces ninguén do equipo, ou moi poucos, perciben as capacidades que ten. O valor que atesoura. O que é capaz de facer cun pouco de adestramento.
Propomos que o natural, é que os equipos crezan traballando en equipo natural. É máis sustentable, é máis eficiente. É máis atrevido, pero diso falaremos noutra ocasión.
Dicía tamén hai uns meses que “a efectividade dos equipos, sobre todo os de responsabilidade, inflúen dunha maneira moi directa no impacto das organizacións, no desenvolvemento da súa misión e contribución social. Conscientes disto, Algalia promove e facilita servizos para responder a estas necesidades. Falamos?”.
Teño algo que propor ao teu equipo, á túa organización. VIRADA, Programa para o fortalecemento do liderado de Equipos de dirección en entidades de economía social. Seguimos falando?
David Pereiro
Socio Consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector