Coa aprobación da nova Lei do Imposto sobre Sociedades (Lei 27/2014, do 27 de novembro) parece ter pasado desapercibida a modificación do antigo artigo 136 do RDL 4/2004, de 5 marzo, da antiga lei do Imposto sobre Sociedades. Nesta nova norma de aplicación para os exercicios fiscais que empecen o 1 de xaneiro de 2015 ou despois, o artigo 124 non inclúe ningunha “exención” da obriga de declaración para as entidades sen fins lucrativos pequenas, é máis, existe unha referencia explícita á obriga de declarar “a totalidade das súas rendas, exentas e non exentas”.
É dicir, a día de hoxe, o exercicio fiscal de 2015 será obrigatorio declaralo no imposto sobre sociedades para todas as ONLs -xa o era para as fundacións no réxime fiscal do Mecenado pero agora é para todas, todas, asociacións de veciños, culturais, movan o diñeiro que movan-. A obriga do imposto por si mesma traería aparellada a obriga de llevanza dunha contabilidade oficial conforme aos plans contables vixentes.
Nin que dicir ten que isto pode inquietar sobremanera aos responsables destas pequenas entidades -centenares de miles segundo os rexistros- que ata agora non estaban obrigadas a iso.
De momento, podemos informar ao sector que está a haber xa movementos no Congreso dos Deputados, sendo especialmente salientable a Proposición de Lei de modificación da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades, en materia de simplificación das obrigas tributarias para as entidades sen ánimo de lucro de pequeno tamaño, realizada por proposta de CiU e que se pode consultar neste link.
Co que aínda persistindo a obriga legal xa hai movementos parlamentarios para intentar axustar a norma ao esquema legal anterior.
Os que como nós, levan moitos anos traballando con entidades sen fins de lucro estamos a vivir un “déjà vu” porque en 2003 se viviu unha situación case idéntica: non existía a posibilidade de exención na presentación do imposto e faltando sete días, si “7”, para finalizar o prazo de presentación do imposto do 2002 aprobouse no BOE a exención. Esta exención foi a que estivo vixente ata ao ano pasado.
Que pasará con esta modificación proposta no Congreso?, accederá o Parlamento a aplicala?, será unha intención firme manter a obriga e polo tanto levar a todas as asociacións e fundacións a levar contabilidade oficial e declarala?, poderá influír o sector para que a norma se adapte de novo ou o vórtice electoral farao imposible?. Esperemos un pouco máis, aínda faltan un ano e pico para presentar a declaración de 2015 e sexamos conscientes de que podería manterse a obriga.
Seguiremos informando.
Jorge Rodríguez
Socio responsable do área de Asesoría de Algalia Servizos para o Terceiro Sector