Con VIRADA Teal, ALGALIA completa a proposta deseñada hai case dez anos para o Programa VIRADA. Nel vimos promovendo procesos de desenvolvemento do liderado en persoas con  responsabilidades directivas e de coordinación (Liderado e Profundización), e facilitando a efectividade de equipos naturais no desenvolvemento da súa misión (Equipos).

Agora queremos acompañar a “virada” de organizacións da Economía social en Galicia cara a referentes de liderado compartido, responsable e sostible coa nosa proposta VIRADA Teal, un itinerario con referencia TEAL para a evolución da cultura organizativa na economía social.

 

En que consiste VIRADA Teal?

VIRADA Teal non vai de converterse en tres anos nunha organización TEAL, senón de evolucionar, desde a situación propia e mobilizando as capacidades de cada entidade participante, cara unha cultura organizativa máis evolucionada dentro do paradigma TEAL. Vai de medrar e fortalecer a organización.

No Dossier do Programa, poderás atopar unha descrición detallada sobre cal é a finalidade de VIRADA Teal, o seu obxectivo, que tipo de organizacións poden aproveitar esta oportunidade, cales son os beneficios que obterían, unha explicación do que é o paradigma TEAL e a transformación cultural, cal é o itinerario do Programa e o investimento a realizar.

 

Para quen é?

VIRADA Teal merece a túa atención se a túa entidade aspira a xerar espazos de confianza e responsabilidade onde o propósito da entidade evolucione para achegar un impacto relevante aos grupos de interese internos e da súa contorna; se a túa entidade quere traballar para que todas as persoas que forman parte dela, traballadoras, promotoras, destinatarias, beneficiarias, proveedoras… conecten a súa vida de forma máis plena co propósito da mesma.

Se a túa entidade quere avanzar na xeración de espazos de corresponsabilidade, onde a autoxestión equilibre liberdade e responsabilidade, VIRADA Teal pode ser unha ferramenta na túa estratexia.

Se queres afondar un pouco máis nestes conceptos, invitámoste a ver esta inspiradora conversa que o noso colaborador en VIRADA Teal, Ander Mimenza, responsable de Servizos de transformación organizacional de EDE Fundazioa, trasladou nas xornadas “Kudeaketa Aurreratuaren Kongresua. Cuidado y fidelización de personas”, celebradas o 17 de outubro de 2024 no Palacio Euskalduna de Bilbao.

 

Quen promove e quen acompaña?

Para esta edición de VIRADA Teal, que comprende un acompañamento a cada entidade participante de case dous anos e medio (outubro de 2025 a decembro de 2027), ALGALIA conta co apoio e respaldo de CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social), quen a través do programa EFESO, financiado polo FSE+ (Fondo Social Europeo Plus), sostén economicamente VIRADA Teal nun 60% dos seus insumos de inversión económica.

Para o acompañamento das entidades, ALGALIA porá a disposición do Programa os consultores do seu Negocio de Consultoría e parte dos membros de Equipo de coachs de VIRADA. Ademais, VIRADA Teal afondará na colaboración de ALGALIA con EDE Fundazioa e colaborará con outras entidades da Rede TEAL da que forma parte: Mondragon Unibertsiatea de Euskadi, Consorcio Andaluz de Impulso Social (CAIS) de Sevilla para Andalucía e Estremadura, Fundación Maimona de Estremadura, Kultiba de Euskadi e Change Navigators de Zaragoza para Aragón e Cataluña.

 

Como apuntarse e canto costa?

A inscrición remata o 22 de setembro de 2025, e para inscribirse en VIRADA Teal temos que conversar. Cómpre falar sobre o alcance da participación, os requirimentos do Programa, as motivacións para embarcarse nesta virada… e con todo isto, armar un orzamento de inversión personalizado.

VIRADA Teal é un investimento para o presente e para o futuro que conta cunha axuda dun 60% grazas a CEPES.

Falamos?

 

 

David Pereiro, responsable do Programa VIRADA.

 

Este proxecto conta co respaldo da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES)

e forma parte do programa EFESO, financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

 

Voltar