Pablo Figueroa forma parte do servizo de Asesoría Económica de Algalia desde 2008. É o responsable de, entre outras funcións, desenvolver o servizo de acompañamento aos clientes no seu proceso de solicitude de declaración de utilidade pública.

1.- En que consiste o recoñecemento de Declaración de Utilidade Pública?

A obtención da condición de Declaración de Utilidade Pública supón o recoñecemento administrativo de que as actuacións dunha asociación perseguen o interese xeral.

Este recoñecemento confire ás entidades que o obteñen a posibilidade de usar a mención de “declarada de utilidade pública” en todos os seus documentos e a posibilidade de acollerse á Lei 49/2002 de Réxime Xurídico das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, con todos os beneficios fiscais que devandito acollemento implica.

2.- Que entidades poden solicitala?

Pode ser solicitada por asociacións e federacións que, entre outros requisitos, persigan fins de interese xeral (conforme o artigo 3º da Lei 49/2002), que a súa actividade non estea restrinxida exclusivamente a beneficiar aos seus asociados, que conten cos medios persoais e materiais adecuados para garantir o cumprimento dos seus fins estatutarios, que os cargos do órgano de goberno sexan gratuítos e non principais destinatarios das actividades da entidade, e que estean rexistradas e en funcionamento, polo menos, dous anos completos antes de formalizar a solicitude.

A solicitude ha de formalizarse ante o Rexistro de asociacións no que se atopen inscritas achegando, ademais doutra documentación, as memorias de actividades e as contas anuais, no formato adaptado do plan contable sectorial, dos dous exercicios pechados anteriores ao da solicitude.

3.- Que beneficios e que obrigas conleva o recoñecemento de declaración de utilidade pública?

 A obtención da declaración de utilidade pública permite, ademais de poder usar a mención como tal da devandita condición, o acollerse ao réxime fiscal que establece a Lei 49/2002, que implica, tanto beneficios fiscais para a entidade, como para quen colabora economicamente coa mesma.

A entidade pode aplicar exencións fiscais no ámbito do seu imposto de sociedades, en determinados tributos municipais e autonómicos. Os seus doantes poden aplicarse deducións na súa declaración de IRPF (no caso das persoas físicas) e no imposto sobre beneficios (no caso das persoas xurídicas), no referente ao IVE pódense aplicar unha ‘non suxeición’ ao imposto no caso de entregas de bens a título gratuíto. Todos estes beneficios implican para a entidade mellorar a súa capacidade de captación de recursos privados. O recoñecemento de Utilidade Pública tamén mellora, en moitos casos, o acceso a axudas públicas que, cando son en concorrencia competitiva, incrementa a puntuación.

Por outra banda, dispoñer deste recoñecemento supón un maior control por parte da administración, xa que se han de depositar anualmente ante o rexistro as contas anuais e memoria de actividades do exercicio. Tamén implica a obriga de liquidar sempre o imposto sobre beneficios, e unha memoria anual ante a Axencia Tributaria, ademais de informar, anualmente, das doazóns privadas recibidas

4.- Cal é o papel de Algalia neste proceso?

Algalia acompaña aos clientes que solicitan este servizo en todo o proceso; inicialmente, realízase un estudo previo das posibilidades reais que ten a entidade ante unha posible solicitude, e identifícanse posibles cambios a realizar para favorecer o recoñecemento (como, por exemplo, adaptacións estatutarias). Algalia formaliza todos os documentos que compoñen o expediente e acompaña á entidade no enfoque e desenvolvemento das memorias de actividades que han de incorporarse á solicitude.

Tamén se encargará de responder aos posibles requirimentos que se poidan producir, así como, unha vez obtido o recoñecemento, formalizar o acollemento censual á Lei 49/2002.

Nos últimos 12 anos, confiaron en Algalia máis de 25 entidades (principalmente de Galicia, pero tamén de fóra da Comunidade) nos seus procesos de solicitude, nos últimos 12 meses foron 5 os expedientes que, ou ben xa se presentaron ante a administración, ou se están desenvolvendo neste momento.

Voltar