1.- No primeiro semestre do ano concéntrase a maior carga de traballo para esta área de negocio. En que consiste a labor determinante que desempeñas nestes momentos?

Estes seis meses son unha carreira de fondo para nós, onde o importante é a capacidade que demostramos de poder proporcionar información útil aos nosos clientes coa finalidade de que sexa clara e comprensible tanto para a propia entidade como para os seus asociados e garantir chegar ao trinta de xuño coas contas anuais listas e presentadas ante a administración correspondente.

Atravesamos dous períodos de liquidacións a nivel fiscal, cuxos prazos marca a AEAT, xaneiro –febreiro que, ademais, é máis intensivo que un trimestre normal, porque inclúe os resumos anuais do exercicio 2022 e, en abril, onde xa presentamos liquidacións do exercicio do primeiro trimestre de 2023.

Ademais do peche fiscal, encargámonos do peche contable que implica o cadre das contas parta determinar o resultado do exercicio (perdas ou ganancias) e os cambios no patrimonio da entidade. Así mesmo, prestamos asistencia na liquidación de orzamentos do exercicio anterior e elaboración de orzamentos do exercicio 2023.

Tamén forma parte do noso traballo acompañar aos órganos de goberno das nosas entidades para que coñezan os estados financeiros que van aprobar e, mesmo, nalgunhas ocasións, as asociacións requírennos para que sexamos nós os que expoñamos as contas nas asembleas aos seus asociados para a súa posterior aprobación.

2.- En que se diferencia a contabilidade, auditoría e impostos das entidades sen ánimo de lucro?

Actualmente, as entidades non lucrativas (ENL) aseméllanse a calquera outra entidade xurídica, en canto a tributación fiscal (IRPF, IVE, IS) aínda que se establece un marco de beneficios para as ENL por vía de exencións, especialmente cando acrediten posuír fins de interese xeral e non repartan os seus beneficios a socios e/o familiares. A diferenza principal radica basicamente nos beneficios fiscais no tipo impositivo do imposto de sociedades  e no caso das entidades acollidas a lei 49/2002 a base impoñible determínase de acordo á lei 49/2002 na que se indica que ingresos estarían exentos de tributar como as cotas socios, donativos, subvencións.

Outro aspecto para destacar é que as persoas físicas e/o xurídicas doantes a entidades acollidas á Lei 49/2002 pódense deducir as cantidades doadas no seu imposto sobre a Renda das Persoas Físicas ou no de Sociedades.

Con diferenza respecto a as sociedades mercantís, hai certa información específica ás entidades sen fins lucrativos como, por exemplo, información sobre o cumprimento dos fins propios da entidade ou sobre o cumprimento das condicións do réxime fiscal especial.

Para as asociacións declaradas de Utilidade Pública non presentar as contas ou non facelo conforme á normativa vixente podería supoñer o inicio de procedemento de revogación da declaración de utilidade pública.

Con respecto á obrigatoriedade de auditoría, as ENL están obrigadas se, durante 2 exercicios consecutivos, concorren á data de peche das súas contas, polo menos dúas das seguintes circunstancias:

  • Activo superior a 2.400.000 €
  • Volume anual de ingresos superior a 2.400.000 €
  • Máis de 50 traballadores empregados

Aínda que tamén están obrigadas a auditarse aquelas entidades que reciban subvencións, axudas ou realicen obras, prestacións, servizos ou subministren bens ao Estado e demais Organismos Públicos e a Unión Europea por un importe total acumulado de 600.000 €.

3.- Como valoras a proposición da lei de reforma da lei de Mecenado aprobada en abril 2023?.

A Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, conta con 21 anos desde a súa aprobación e aínda que xa sufrira unha modificación en 2014, esta nova modificación introducirá melloras nos incentivos fiscais ao mecenado permitindo levar máis ingresos ás entidades non lucrativas, dotando de maior estabilidade ao financiamento destas entidades e garantindo a participación da recorrencia do sector privado nas actividades de interese xeral .

Ademais, para o Terceiro Sector, é un recoñecemento ao seu labor no cumprimento do interese xeral que levan a cabo, recoñéceselles o seu traballo en actividades sociais fundamentais, de inclusión de persoas con discapacidade e doutras moitas actividades que melloran a vida da cidadanía, de investigación de enfermidades, de investimento en educación e en cultura, necesidades esenciais en moitas circunstancias que non cobre nin o sector privado nin o sector público.

Voltar