Javier Leis é asesor, e forma parte do Servizo de Asesoría Económica de Algalia dende 2007.  Entre outras funcións, é o responsable de xestionar as cualificacións como Centro Especial de Emprego ás entidades que buscan principalmente a integración das persoas con discapacidade a través dun traballo remunerado.

1.- Que é un Centro Especial de Emprego ou CEE?

Os CEE son organizacións de calquera tipo e forma, que son recoñecidas pola administración como tales, que contan con estruturas similares ás das empresas ordinarias. Ao través dun traballo produtivo, dentro do mercado de bens e servizos xeral, buscan principalmente a integración das persoas con discapacidade a través dun traballo remunerado

2.- Que requisitos necesitan e que beneficios aporta chegar a ser CEE?

Para constituír un CEE é necesario contar cunha estrutura produtiva propia, e ser cualificados como tal por parte da administración autonómica correspondente ó domicilio da entidade.

Para esta cualificación esíxese, como elementos diferenciadores principais respecto dunha empresa ordinaria, que o cadro de persoal conte cun 70% de persoas traballadoras con discapacidade e un equipo de apoio a estas persoas que facilite a súa incorporación e adaptación ó posto de traballo.

Unha vez cualificados terase como principal beneficio o ter recoñecido, polas administracións públicas, o beneficio social xerado co seu proxecto empresarial no ámbito das persoas con discapacidade. Asemade, de forma máis tanxible, o acceso a liñas específicas de subvencións para investimentos e custos salariais, bonificacións na seguridade social, mellor acceso a determinados contratos públicos, e posibilidades de cumprimento da cota de reserva de persoas con discapacidade en empresas ordinarias.

3.- Que aportamos dende Algalia?

Dende Algalia aportamos a nosa experiencia e coñecementos no apoio aos CEE, tanto na tramitación da cualificación, como na asesoría e xestión administrativa antes e despois de obtela. Proporcionamos a tódalas entidades que confían en nós a posibilidade de centrarse no seu negocio, deixando de investir tempo en tarefas que son auxiliares, aínda que relevantes para a sostibilidade da entidade.

Voltar