Alfonso Echanove é consultor senior da consultora LKS Next, cooperativa do Grupo Mondragón, e dende hai dez anos colabora estreitamente con Algalia. A actual contorna de constante cambio e transformación dixital esixe que o coñecemento ao servizo das empresas achegue solucións con tecnoloxía aplicada. A confianza, anticipación, fiabilidade e solucións orientadas a resultados que LKS Next ofrece desde as súas áreas de Xestión, Tecnoloxía, Legal e Corporate & Finance, son claves de éxito para logralo, tal e como indican na súa web.

Ademais, LKS Next participa no desenvolvemento da  denominada contabilidade social para a sustentabilidade que, cunha base científica moi robusta, tivo aplicacións prácticas en organizacións de diferente natureza.

1.- Que é o valor social?

Hai formas diversas de definir o valor social, dependendo dos contextos. No actual, que demanda das organizacións que xeren un valor máis aló dos aspectos mercantís da súa actividade, poderiamos dicir que o valor social é o conxunto de utilidades que achega unha organización aos seus grupos de interese. Así, poñemos de relevo dous aspectos:

  • O primeiro, ao falar de “conxunto de utilidades”, estas integran tanto as que unha entidade ou empresa, ben sexa mercantil ou social, pode achegar a través da actividade de mercado, (por exemplo, as vendas aos seus clientes, as compras a provedores ou o pago de salarios); como aquel valor transferido no que non media un prezo ou un pago (como a participación en actividades comunitarias, a formación do persoal ou a implicación no desenvolvemento do territorio).
  • O segundo aspecto é que é un valor xerado ao conxunto dos grupos de interese. E así, recoñécese que o valor que se xera non vai destinado exclusivamente a accionistas, senón tamén a clientes, provedores, profesionais ou outros axentes socioeconómicos cos que se relaciona a empresa. En suma, un valor para o conxunto da Sociedade.

2.- Como se integra o valor social na xestión estratéxica das entidades?

Un aspecto fundamental para que a xestión estratéxica dunha entidade sexa efectiva é a dispoñibilidade de información. Para integrar o valor social na xestión estratéxica é necesario dispoñer de información sobre o valor social, da mesma maneira que se dispón de información económica.

Todas as entidades e empresas teñen un sistema de información económica que lles permite analizar as súas fontes de ingresos, os seus gastos, a composición do seu patrimonio, etc. Esta é unha fonte de información que permite identificar aspectos estratéxicos relacionados con estas variables.

Con todo, contamos cunha información do valor social, que integre os aspectos de mercado e de non mercado e que vaia dirixida ao conxunto dos grupos de interese? En cada vez máis entidades estanse implantado sistemas de contabilidade social para a sustentabilidade que dan resposta a esa necesidade. Estes sistemas permiten coñecer o valor social xerado, como se descompón este valor, a quen se entrega o valor de forma prioritaria etc. Coñecer todos estes aspectos permite, sen dúbida, unha visión diferente da actividade dunha entidade e, así, integrar o valor social na súa estratexia.

3.- Cúmprense 10 anos de relación laboral con Algalia, en que consiste esta vía de colaboración e que achega aos seus clientes?

Este “aniversario” é para min un motivo de celebración importante. Con Algalia colaborei en equipos de proxecto, no desenvolvemento de metodoloxías, asistindo a diferentes eventos, desenvolvendo a economía social… en suma, é unha relación que, en liña co que veño dicindo, integra diferentes aspectos e actividades, que xeran valor para os clientes aos que prestamos servizo conxuntamente pero tamén xera un valor para a Sociedade e un valor mutuo.

Algalia é unha organización referente na prestación de servizos para a Economía Social e o fai a través da dedicación dun equipo de profesionais moi formado e con moita experiencia, que se traslada aos seus clientes. Máis aló da nosa relación no marco dun proxecto ou unha colaboración puntual, Algalia é un exemplo de como se constrúen as relacións a longo prazo, baseadas na honestidade e a confianza, valores moi asentados na organización. Así que espero seguir compartindo proxectos e experiencias con Algalia moitos anos máis!

Voltar