Coa entrada en vigor do Real Decreto-Lei 8/2019 do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, a partir do 12 de maio de 2019, as empresas deben garantir o rexistro diario da xornada que ha de estar a disposición dos traballadores, os seus representantes legais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social.
O rexistro deberá incluír o horario concreto de entrada e finalización da xornada de traballo de cada traballador, sen prexuízo da flexibilidade horaria que recoñece a Lei.
A forma de organización e documentación do rexistro de xornada deberá determinarse mediante negociación colectiva ou acordo de empresa ou, na súa falta, decisión do empresario previa consulta cos representantes legais dos traballadores na empresa.
A empresa ten a obriga de conservar os rexistros durante catro anos e estes deberán permanecer a disposición dos traballadores, dos seus representantes legais e da ITSS.
O RD Lei 8/2019 modifica a Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social introducindo, como infracción grave, a transgresión da norma relativa ao rexistro de xornada, sendo por tanto sancionable con multa comprendida entre un mínimo de 626 € e un máximo de 6.250 €.
Marta Armada
Socia coordinadora Servizo laboral de Algalia Servizos para a Economía Social