A gran familia das entidades de economía social ten, entre os seus principios, a primacía das persoas sobre o capital e a aplicación dos resultados en función do traballo achegado. Así mesmo, tamén reflicten os seus fins a promoción da solidariedade interna e coa contorna, favorecendo a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento local, a igualdade de homes e mulleres, a cohesión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a sustentabilidade e a conciliación persoal e familiar.

Pero… Como medir e visualizar cara a sociedade a consecución destes principios? Como trasladar o valor que lle achegan as entidades de economía social na consecución dos seus obxectivos?

A tradicional perspectiva neoclásica do valor instaurada na nosa sociedade desde os tempos de Milton Friedman e que chega ata os nosos días, identifica o valor social co valor económico e, en definitiva, co beneficio, de maneira que a maximización do valor social achegado lograrase maximizando o beneficio. Á súa vez, o instrumento que nos permite cuantificar devandito beneficio é a contabilidade.

Para as entidades de economía social o beneficio non pode ser o indicador que mida o valor social porque este queda supeditado, en moitos casos, a outro tipo de obxectivos para a consecución dos seus principios e os seus fins. Neste contexto a Contabilidade Social vén dar unha resposta íntegra.

Por unha banda, determina o valor achegado, non só aos propietarios da entidade, senón a todos os grupos de interese cos que se relaciona, integrando na súa proposta a todos os actores incorporados nos principios da economía social.

Por outro, faio a través de dous grandes ecosistemas de valor. O Valor Social de Mercado recollerá o valor xerado a través das operacións de mercado (teñen un prezo e están rexistradas contablemente) e o Valor Social de Non Mercado recollerá o valor xerado a través das operacións que non teñen prezo nin rexistro contable, senón impacto social directo e que poden supoñer máis do 40% do valor total.

Desta forma, a Contabilidade Social convértese nun modelo de xestión que complementa a información da contabilidade tradicional e que é de gran utilidade nos seguintes ámbitos:

  1. Comunicación: A Contabilidade Social convértese nun gran elemento de comunicación interna e externa da entidade visualizando o valor social xerado aos distintos grupos de interese cos que nos relacionamos e, en xeral, á sociedade.
  2. Estratexia: Permítenos identificar en que ámbitos da entidade estamos a xerar valor e desta forma podemos orientar a estratexia (os nosos obxectivos e accións) cara ás actividades que xeran maior valor, e axudan a cumprir os principios e fins da entidade.
  3. Xestión: Ao incorporar na monetización do valor aos diferentes grupos de interese os empoderamos, facéndoos partícipes do resultado e xerando un gran factor motivacional. Ao mesmo tempo os indicadores e métricas da Contabilidade Social pódense incorporar noutros sistemas de xestión da entidade.
  4. Impacto: Permítenos recoller os impactos xerados en distintos ámbitos.

En Algalia acompañámosvos para ser unha organización efectiva capaz de lograr resultados de forma eficiente e perfectamente aliñada cos vosos valores como entidade de economía social.

Ángel Rodríguez, responsable de Contabilidade Social da área de Consultoría.

Voltar