Ante a situación creada como consecuencia do COVID-19 na actividade de todo o País, aquelas Entidades que se vexan obrigadas ou vexan conveniente suspender a súa actividade de forma temporal, han de adoptar as medidas conxunturais que legalmente están establecidas, entre as cales se atopan os expedientes de suspensión de contratos ou redución de xornada (denominados ERTEs).

Ante situacións conxunturais como a que nos atopamos, é preciso adoptar medidas destas características, non estando en principio xustificada a adopción de calquera medida de carácter definitivo, salvo casos debidamente xustificados. Tras a análise da normativa publicada no día de hoxe, é preciso poñer de manifesto que NON é prioritaria a tramitación de ERTES por forza maior de forma inmediata porque a súa data de efectos vai ser a da declaración da forza maior, polo que hai que priorizar tramitación dos ERTES por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (en diante causas ETOP), cuxos procedementos e prazos son máis prolongados e, ademais, os seus efectos non se aplican ata que finalizou o procedemento.

Por tanto, o importante en primeiro termo é establecer cando concorre forza maior que, en todo caso, entendemos que vai concorrer en todas aquelas actividades que se viron suspendidas de forma directa polos decretos da Xunta, cuxo resumo se adxunta.

A efectos de que as Entidades analicen internamente a existencia ou non de forza maior, a Real Decreto Lei publicado hoxe establece que terán a consideración de provenientes dunha situació n de forza maior as suspensións de contrato e reducións de xornada que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, que impliquen algunha das seguintes situacións:

  • Suspensión ou cancelación de actividades.
  • Peche temporal de locais de afluencia pública, restricións no transporte público e, en xeral, da mobilidade das persoas e/ou as mercadorías.
  • Falta de subministracións que impidan gravemente continuar co desenvolvemento ordinario da actividade.
  • Situacións urxentes e extraordinarias debidas ao contaxio do persoal ou a adopción de medidas de illamento preventivo decretados pola autoridade sanitaria, que queden debidamente acreditados.

Os ERTES nos que concorre forza maior as empresas están exoneradas de abonar as cotizacións sociais, aínda que adquiren un compromiso de non realizar despedimentos durante os 6 meses seguintes a finalización do ERTE, aspecto moi importante e que hai que valorar antes de adoptar unha decisión.

Nos demais casos, habería que analizar individualmente a concorrencia ou non de forza maior pois, no caso de que non concorra, procedería a tramitación dun ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de producción, cuxa tramitación é máis  complexa que nos anteriores e os prazos son máis longos. Nestes ERTES a empresa ten que continuar abonando as cotizacións sociais.

Por tanto, aquelas Entidades ou Empresas que decidisen tramitar un ERTE:

Debedes informarnos por correo electrónico para poder facilitarvos o contacto de avogados laboralistas a quen vos podes dirixir aqueles que requirides desta medida e non vides traballando xa cos vosos despachos de avogados. Unha vez péchese a tramitación dos expediente executaremos desde a prestación de servizos de Algalia, a parte técnica de xestión de incidencias de ERTE, nóminas, comunicación dos certificados de empresa para a cobranza das prestacións, comunicacións á TGSS e ao SEPE.

NOTA: Nun primeiro momento, desde os despachos pediranvos esta información que debedes ir preparando.

  • Actividade que realizan.
  • Causas polas cales expoñen suspender contratos ou reducir xornadas.
  • Xustificación documental da que podemos dispoñer para acreditar estas causas.
  • Se dispoñen de representación legal dos traballadores no ámbito de afectación do ERTE.
  • Convenio colectivo aplicable na Entidade ou Empresa
  • Posteriormente contactarían con cada un dos que demanden o servizo para concretar o que fose preciso para redactar a Memoria xustificativa do ERTE e facilitarlles a documentación e trámites a realizar para a súa tramitación en interno
  • Co fin de poder axudar a todas as Entidades que o necesitan, rógase que as comunicacións se realicen vía correo electrónico.

Marta Armada Responsable do servizo laboral de Algalia

Voltar