Escoitáchelo nalgún momento esta semana? Saíron estas palabras da túa boca nalgunha ocasión? Sendo xustos, ademais de servir para dar a impresión de que se está a traballar, as reunións poden converterse nunha ferramenta poderosa para conseguir resultados. Por que en ocasións a cousa vai ben e noutras, si, hai que pedir perdón?
Gústame considerar as reunións como un ecosistema onde se exercita a disciplina do liderado. As reunións son espazos nos que se xoga a un deporte complexo. Requírese da valentía, determinación e sangue fría dun deportista de elite en deporte individual, requírese ser Rafa Nadal; e tamén a intelixencia emocional interpersoal e capacidade táctica e estratéxica dun deportista de elite en deporte de equipo, requírese ser un Pau Gasol.
Rafa e Pau coñécense, recoñécense, admíranse … Son amigos. Que grandes son, e como engrandecen o deporte! Que bo sería para o noso día a día conducirnos segundo a súa inspiración.
De que estamos a falar cando falamos de reunións? Así o vimos en VIRADA Liderado
As persoas participantes en VIRADA Liderado 2018 estimaron que este asunto era de calado para o exercicio do liderado, xa que afirmaban que boa parte do día, e boa parte das enerxías dispoñibles para o mesmo, íase en reunións, moitas delas improdutivas.
Para precisar a que nos estabamos a referir cando falabamos de reunións, tentamos fixar un punto de partida. Nun Obradoiro sobre temas de liderado, unha das actividades que contén o Programa VIRADA, compartimos visións, experiencias, prácticas satisfactorias, algúns fracasos … e chegamos a elaborar un pequeno documento que, coa súa xenerosidade e permiso presunto, agora comparto. Pica aquí para ver o PDF.
Recoméndoche que lle botes un ollo antes de continuar. Desde a súa sinxeleza, hai algunhas cousiñas que poderían axudarche.
Que nos xogamos nas reunións?
Como líderes nos nosos equipos, nas nosas organizacións, xogámonos moitas cousas.
Xogámonos efectividade, isto é, que consigamos o que queremos conseguir co uso desta ferramenta. Xogámonos que as cousas saian adiante cunha adecuada coordinación de accións de todas as persoas e instancias involucradas.
Xogámonos confianza, isto é, que se nos recoñeza que somos de fiar. Que non mentimos, que as cousas que dicimos que sucederán, efectivamente sucederán, que somos competentes no que nos toca. Isto non significa que teñamos que saber máis que ninguén e de todo, senón que sabemos dicriminar o que si sabemos daquilo para o que solicitamos axuda. Que somos confiables.
Xogámonos identidade. Coas nosas accións, con como nos relacionamos cos demais, imos configurando unha identidade que nós percibimos sobre nós mesmas, e que os demais tamén elaboran respecto de nós. En ocasións, esas percepcións non son coincidentes … Se isto che está a suceder, deberías ocuparte.
Por onde empezar a mellorar as reunións?
As reunións teñen unha técnica, un saber facer. É importante que manexes os códigos e conduzas unha reunión cunha aprendizaxe experta, coma se estiveses a conducir o teu coche … a que xa non te dás conta cando metes a terceira? Sucede e xa está … Sen isto, será difícil que flúa a enerxía e obteñas os resultados que esperas. Pero o esencial non está no equipamento deportivo, nas regras de xogo do deporte, nas técnicas deportivas. O que marca a diferenza está no deportista, en Rafa, en Pau. Non é o coche, es ti conducindo.
Esta é unha boa e unha mala noticia. Boa, porque te tes moi a man, pódeste traballar. Este asunto ten que ver contigo, non con “as reunións”. Mala, porque non é sinxelo. Non se resolve soamente lendo un libro, tendo o carné dun ximnasio. Resólvese indo ao ximnasio, con disciplina. En ocasións, atrevéndote a facer cousas distintas e suando …
Resumindo, empeza polo exercicio do teu liderado nas reunións.
Que podo facer?
Ocuparte de ti mesma. Parar. Observarte. Estar aberta ao que outras persoas observan sobre ti. Aprender. Cambiar. Ser consciente da túa vulnerabilidade. Cambiar a túa maneira de observar, de observarte … VIRADA Liderado, en definitiva.
Anímaste? “Perdoa, estou reunida …” Se queres seguir reunida sen máis, non hai problema. Perdóoche. Pídoche perdón..
Programa VIRADA Liderado. Pica aquí para saber máis.
David Pereiro, Socio-Consultor en Algalia S. Coop. Galega.
Responsable do Programa VIRADA Liderado.