Padroado e directiva, van ao cárcere?

A responsabilidade xurídica dunha persoa xorde cando o suxeito transgrede un deber de conduta sinalado nunha norma xurídica.

Os suxeitos da devandita responsabilidade no caso das fundacións e asociacións son a propia fundación ou asociación, como persoa xurídica, mesmo penalmente.

Os tipos de responsabilidade poden ser, en síntesis, civil ou penal, estando esta última xa non en fase de construción, senón de esixencia, a partir de dos recentes sentenzas do Tribunal Supremo (STS 29-2-2016e STS 2-9-20155). Os seus criterios poden complementarse coa Circular 1/2016, de 22 de xaneiro, da FISCALÍA XERAL DO ESTADO, sobre a responsabilidade penal das persoas xurídicas. Analízase alí a responsabilidade da persoa xurídica como tal.

Pero, poden chegar a responder persoalmente, mesmo penalmente, membros de órganos de goberno de fundacións e asociacións?

Os membros os órganos de goberno (padroado dunha fundación e, normalmente, Xunta Directiva dunha asociación):

  • non son responsables das débedas ou das perdas da fundación ou asociación a menos que presten garantías persoais,
  • pero poderán estar suxeitos a responsabilidades persoais si causasen un prexuízo á entidade incumprindo as súas obrigacións ou a súa deber de dilixencia, pois se deben nas súas actuacións á entidade, e por iso:
    • nas fundacións cada membro do padroado responderá solidariamente fronte á fundación dos danos e prexuízos que cause por actos contrarios á Lei ou aos estatutos, ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo, e
    • nas asociacións, aínda que socios e socias non responderán persoalmente das débedas da asociación, os membros dos seus órganos de representación (normalmente, Xunta Directiva), responderán ante esta, ante os asociados e ante terceiros polos danos causados e as débedas contraídas por actos dolosos, culposos ou neglixentes.

Para membros do padroado e da Xunta Directiva a responsabilidade será solidaria, quedando eximidos dela aquelas persoas que non participaron no acto ou acordo lesivo, acreditando que ou ben non participaron no acordo ou ben que, coñecéndoo, fixeron o necesario para evitar o dano.

No cumprimento dos seus deberes, cada membro do padroado ou membro da xunta directiva ha de ter en conta principalmente o interese xeral ao que ha de servir a fundación ou asociación, asumindo que nestas conforman o interese social, a propia finalidade de interese xeral a que serve de acordo coa vontade de fundador/a, beneficiarios/as, doantes e financiadores/as, voluntariado, traballadores/as e a sociedade en xeral.

Os deberes de conduta e as normas xurídicas onde se impoñen son variadísimos, porque poden proceder de calquera normativa laboral, fiscal, contable, civil, administrativo, mercantil ou mesmo penal, e pode ser unha responsabilidade por acción (por facer algo), por omisión (por non facer algo) ou por abandono (por deixar facer algo).

E, especialmente, cada membro do órgano máximo de goberno terá unhas responsabilidades específicas derivadas dos seus deberes específicos, en particular dos deberes de dilixencia na administración e de información, deberes de fidelidade e lealdade, deberes en materia de conflitos de intereses e deber de segredo.

En consecuencia, en certos supostos poderán ter responsabilidade a título persoal, mesmo de carácter penal (e sobre citar os supostos da FUNDACIÓN INTERVIDA ou da ASOCIACIÓN INSTITUTO NOOS DE INVESTIGACIÓN APLICADA.

E como solucionar?

Como en tantos outros aspectos, coa prevención, para a cal pode ser útil:

  1. Diagnosticar a organización, internamente ou con apoio externo, para identificar onde están os riscos: así se fai de maneira usual en ámbitos como o da saúde e riscos laborais, ou o da protección de datos persoais, ou a prevención do branqueo de capitais e non hai motivo nin escusa para non facelo integralmente.
  2. Cubrir os riscos, por medio de seguros específicos para a organización, pero tamén para os membros dos seus órganos de goberno, e mesmo de dirección ou xerencia.

En Algalia podemos ofrecerche apoio directo ou por medio de colaboradores especializados para abordar ambas as solucións, desde asesoría xurídica a profesionais orientados ao sector en campos legais precisos –como a devanditas Prevención de Riscos, o Branqueo de Capitais ou a LOPD- ou acordos con corredurías orientadas a cubrir con seguros específicos os riscos patrimoniais que poden estar a asumir as persoas con capacidade directiva –patróns, membros de xunta directiva e xerentes ou directores de entidades-.

E si a experiencia da túa organización ou o teu caso concreto permite achegar algo máis como solución, podes compartilo mandándoo a [email protected]

Santiago Míguez
Responsable da Asesoría Xurídica de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

Voltar