O plan é importante pero a planificación mais

Karl Weick, profesor na Universidade de Michigan, narra un caso real sobre unhas manobras nos Alpes. Un destacamento húngaro perdeuse cando exploraba unha montaña xeada. Vagaron durante dous días, estaban conxelados e famentos, e xa perdían o desexo de seguir. Entón aconteceu un milagre: un dos soldados encontrou no seu peto un mapa. A partir dese momento seguiron confiadamente as instrucións que extraeron do mapa e conseguiron chegar o campamento. Afortunadamente, so cando estiveron a salvo déronse conta de que… ¡aquel mapa non era dos Alpes, senón dos Pirineos!

Neste entorno frío e de escaseza, moitos clientes, compañeiros, familia e amigos, me preguntan ¿Cómo vos vai? A resposta pode variar dependendo de quen pregunte, pero normalmente destaco dúas ideas:

  • Estamos apostando e investindo na elaboración do plan estratéxico 2013-2015, no que perfilaremos un novo modelo de negocio para os nosos clientes, neste novo momento.
  • Estamos en momentos onde as regras de xogo cambiaron, a pesar do forte impacto da situación económica xeral, existen espazos onde dependemos de nos mesmos para poder abordar novos proxectos, novas relacións que xeraran novas realidades antes impensables.

Do que si estou convencido é de que o plan non é o mais importante, o proceso de planificación si. Tamén estou convencido de que aínda que exista a dificultade de elaborar un plan nun contexto tan dinámico e cambiante, o coraxe, a construción de novas formas de mirar a realidade, a superación de barreiras mentais e a confianza no éxito e na solvencia da organización facilitará as respostas que este difícil e frío entorno nos preguntará diariamente.

Celso Gándara
Xerente de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 

Voltar