A declaración de “non apto” emitida polo servizo de prevención non é suficiente, por si mesma, para extinguir un contrato por ineptitude sobrevinda. Os tribunais lembran que estes informes teñen carácter orientador e serven para identificar riscos laborais ou posibles adaptacións do posto, pero non son vinculantes a efectos de despedimento.

Antes de extinguir o contrato, a empresa debe demostrar que intentou —ou polo menos valorado— medidas de adaptación razoables para que a persoa poida continuar traballando. Entre elas poden incluírse medidas físicas, cambios organizativos, adaptación de funcións, recolocación noutro posto compatible ou mesmo axustes na xornada.

Só cando estas medidas non sexan posibles ou supoñan unha carga excesiva para a empresa podería xustificarse un despedimento por ineptitude sobrevinda. En caso contrario, o despedimento podería ser declarado improcedente ou mesmo nulo.

Ademais, corresponde á empresa acreditar tanto a situación de ineptitude como as actuacións realizadas para adaptar ou recolocar á persoa traballadora, ou xustificar por que esas medidas non eran viables.

Á hora de valorar se unha adaptación supón unha carga excesiva, teranse en conta factores como o tamaño da empresa, os seus recursos económicos, o volume de negocio ou a existencia de axudas públicas que poidan compensar o custo das medidas.

 

Marta Armada. Responsable do Servizo Laboral de Algalia

Voltar