Adegas Martín Códax S. Coop. Galega, en Cambados, acolleu o pasado 4 de xullo a celebración do Día do Cooperativismo Galego 2026, unha xornada organizada pola Xunta de Galicia e o Consello Galego de Cooperativas que volveu reunir a representantes do cooperativismo galego, entidades da economía social e institucións para poñer en valor a contribución deste modelo empresarial ao desenvolvemento económico e social de Galicia.
Durante o acto procedeuse á entrega dos Premios á Cooperación 2026, que recoñeceron a Algalia Sociedade Cooperativa Galega co Premio aos Valores Cooperativos, a Larega Sociedade Cooperativa Galega como Mellor Proxecto Cooperativo Novo e a Xallas-Santa Comba Sociedade Cooperativa Galega co Premio á Traxectoria Cooperativa. Así mesmo, no Certame Cooperativismo non Ensino, o CIFP Someso recibiu o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo e o Centro Nebrija Torre de Hércules obtivo o accésit.
O Día do Cooperativismo Galego constitúe cada ano unha oportunidade para reforzar os vínculos entre as cooperativas e visibilizar un modelo empresarial baseado na xestión democrática, a intercooperación e o compromiso co territorio. En definitiva, unha forma de xerar valor económico poñendo ás persoas no centro.
A edición deste ano tivo ademais un carácter especialmente simbólico coa estrea oficial do Himno do Cooperativismo Galego, interpretado en directo pola Banda Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos, que puxo o broche de ouro á celebración.
Como cooperativa de traballo asociado, Algalia participou con orgullo nesta xornada e agradeceu especialmente o recoñecemento recibido co Premio aos Valores Cooperativos, unha distinción que supón un estímulo para seguir traballando, xunto ao resto do movemento cooperativo, na construción de organizacións comprometidas coas persoas e o desenvolvemento sostible.



