No XIV CONGRESO NACIONAL DE CENTROS ESPECIALES DE EMPLEO  O Congreso Nacional de Centros Especiais de Emprego 2016celebrado en Madrid os días 6 e 7 de outubro de 2016 abordáronse diversas cuestións de interese xeral para as persoas con discapacidade, o emprego protexido e a integración socio-laboral de especial importancia porque só un tres por cento (3%) das persoas con discapacidade acceden ao mercado ordinario (datos facilitados polo SEPE).

CUESTIÓNS XERAIS

Entre os aspectos de interese xeral, salientáronse:

  1. A visión da inspección de traballo madrileña sobre determinados aspectos prácticos derivados da cesión ilegal de traballadores, facendo especial fincapé na potestade de dirección real e efectiva das persoas contratadas.
  2. A proposta para mudar a regulación dos enclaves laborais, pola súa rixidez e polo risco de cesión ilegal de traballadores.
  3. A aplicación das cláusulas sociais e contratos reservados.

GALICIA

Con especial interese e expectación agardábase a intervención sobre a xestión dos Centros Especiais de Emprego por parte das Comunidades Autonómas. Ademais das visións de Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha, Murcia e Extremadura, Juan-José Lirón Lago, Subdirector Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia ofreceu a visión e os datos galegos. Entre eles, pódense salientar:

  1. A AXENDA 20 PARA O EMPREGO como marco xeral para os anos 2016-2020 dotada con 900 millóns de euros.
  2. Os datos de persoas con discapacidade contratadas polos CEE en Galicia, maioritariamente temporal, e de CEE en Galicia, os máis con ánimo de lucro.
  3. As medidas de apoio aos CEE centradas en tres liñas:
    • Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego.
    • Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego.
    • A subvención plurianual do custo salarial, coa exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados e a conta, así como a modificación da súa porcentaxe máxima.
  4. A apelación á boa xestión e á autosubstentabilidade.

OUTRAS CUESTIÓNS

Completaron a primeira xornada breves intervencións sobre o emprego protexido en Europa, a constitución dunha patronal europea e aspectos de comunicación, despedimentos e indemnizacións, prevención de riscos laborais e absentismo laboral. E na apurada segunda xornada correspondía abordar iniciativas lexislativas en materia de CEE, pero os representantes dos partidos políticos non fixeron achegas de futuro. Como tampouco foron abordadas de fondo as cuestións relativas ao complemento de desenvolvemento persoal -que, para o caso de Galicia, ten a peculiaridade da dobre táboa salarial para entidades con ou sen ánimo de lucro, para o caso de estar dentro do ámbito de aplicación do convenio galego-. E as novas esixencias en materia de axustes persoais e sociais, e a súa externalización.

EPÍLOGO: SOBRE AS CLÁUSULAS SOCIAIS

Así como no Congreso foi mínimo o tempo e contido, a inmellorable formación que nos días anteriores tivo lugar na ESCUELA JUDICIAL do CONSEJO GENERAL DEL PODER JUDICIAL, en particular a referida a “Cuestiones controvertidas en la jurisprudencia sobre contratación pública: desde la preparación hasta la adjudicación y formalización de los contratos. Especial referencia a los criterios sociales”, maxistralmente exposta por D. Manuel Fernández-Lomana García, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional, que permitiu ratificar a conclusión da enorme dificultade práctica desas políticas de contratación pública con cláusulas sociais ou contratos reservados por motivos económicos, culturais e xurídicos para a implantación real e efectiva, e tamén para o seu seguimento.

Santiago Míguez 
Responsable da Asesoría Xurídica de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 
Voltar