O 20 de decembro de 2023 publicouse no BOE o RDL 6/2023, un “macro” Real Decreto-lei cuxo obxectivo é cumprir cun paquete de compromisos coa UE que condicionan os paquetes de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. No “Libro cuarto” deste RDL abórdase a mellora da regulación do mecenado e do réxime de incentivos fiscais. A entrada en vigor destas modificacións prodúcese o 1 de xaneiro de 2024.
As novidades detectadas son as seguintes:
- Inclúese a defensa dos animais como fin de interese xeral.
- Inclúense como explotación económica exenta as accións de inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, así como o ensino e formación profesional vinculadas a estudantes de altas capacidades.
- Amplíase a definición da explotación económica exenta seguinte: “As explotacións económicas de investigación, desenvolvemento e innovación, a condición de que se trate de actividades definidas conforme o disposto no artigo 35 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades.”
- Incorpórase como donativo deducible “A cesión de uso dun ben moble ou inmoble, por un tempo determinado, realizada sen contraprestación.”
- Incorpórase tamén un novo tipo de donativo, o denominado mecenado de recoñecemento ou recompensa, que permite que o doante obteña retornos simbólicos en forma de contraprestación de bens ou servizos, sempre que non representen máis do 15% do valor da doazón cun tope máximo de 25.000 €.
- Mellóranse as porcentaxes de dedución, os importes e límites á dedución:
- Sóbese o importe con dedución ao 80% de 150 a 250 euros en IRPF.
- Increméntanse os segundos tramos de dedución en IRPF (35% a 40% e do 40% a 45%).
- Increméntanse os tramos de dedución en Imposto sobre Sociedades (do 35% ao 40% e do 40% ao 50%).
- Increméntase do 10% ao 15% o límite da base en Imposto sobre Sociedades.
- Increméntase do 10% ao 15% o límite da base de dedución no Imposto sobre a Renda de Non Residentes.
- Amplíase o concepto de convenio de colaboración empresarial en actividades de interese xeral incluíndo de forma expresa as achegas en especie incluída a prestación gratuíta de servizos. O colaborador poderá ademais difundir esta colaboración.
A entrada en vigor destas modificacións prodúcese o 1 de xaneiro de 2024. Isto implicará que os donativos de 2023 a declarar en xaneiro de 2024 (modelo 182) manterán o esquema de deducións previo.