É diverso o impacto da “formación” nos procesos de cambio conscientes nas organizacións. Estou de acordo con Ander Mimenza en que “na túa organización non teñen a culpa de que che estes formando”, pero, por Deus! Que se note!

Non todo ten que ver con “formación”

Hai tempo que os estudosos do desenvolvemento organizacional apuntaron que son diversas as motivacións que operan nas persoas e os equipos para resistirse a un cambio dirixido. Non todo ten que ver con afrontar o “non se como se fai!”. Na miña experiencia as resistencias que teñen a súa ancoraxe nesta declaración teñen unha sinxela, que non sempre fácil, solución: aprender. Aquí a “formación” preséntase como unha ferramenta que axuda a virar o rumbo cara aos resultados desexados.

Que facer cando a resistencia ten unha motivación política, cando alguén sente que co cambio vaise a perder algo que considera lexítimo? Que facer cando non se comparte o contido dese cambio, cando se percibe claramente o camiño, pero non se está de acordo na dirección tomada? Que facer cando dunha forma natural, como emerxendo da propia forma de ser das persoas, a resistencia ao cambio ten que ver con certa aversión a calquera tipo de cambio, con rixideces persoais?

Pois nestes casos toca facer outras cousas, pero “formación”, probablemente, menos.

Consumismo formativo?

Pero a formación é moi sedutora. O seu atractivo mobiliza a curiosidade, a admiración. Dános seguridade…  Atráenos, e consideramos, ás veces erroneamente, que boa parte do que nos pasa, que non avanzamos suficientemente na virada cara aos nosos obxectivos de cambio, pódese superar con formación, con boa formación.

Non son poucas as organizacións responsables cos seus procesos de cambio que invisten moitos recursos e enerxías en plans de formación. En capacitacións para as súas persoas. E está ben!, pero non sempre é o máis efectivo. É preciso diagnosticar certeiramente que está a atrasar ou dificultando o cambio.

Non poucas persoas que transitan por distintas propostas formativas están máis próximos a consumistas formativos, consumistas de novas experiencias polo principal motivo de que son novas, que consumidores conscientes e sustentables de formación, como suxeitos que se arman de ferramentas para saber máis “comos”.

Na túa organización non teñen a culpa de que esteas a formar

Non teñen a culpa de que queiras trasladar urxentemente e a destempo a última técnica aprendida, o último enfoque xerencial, a última teoría de desenvolvemento organizacional do mercado. Non teñen a culpa de que empregues “palabros” que soamente ti entendes, que manexes distincións que che fan sentirte un pouco por encima dos teus compañeiros e compañeiras. Non teñen a culpa. Ás veces sofren en silencio, ou non tanto.

Que bo é dispor de perchas nas que colgar todo o novo que se nos ofrece, conxuntalo co noso fondo de armario e dispor de máis ferramentas para enfrontar os para que e os como do desenvolvemento organizacional das nosas entidades!

Pero que se note! A proposta de VIRADA Liderado

Perchas? Significa isto que “morra a formación”? Non! Viva a inspiración, as novas formas, o nutritivo… Que se note que te estás a formar! Que se note desde a sutileza, desde a humildade, desde a estratexia. Que se note que todo cambia, porque ti cambias. Que teñan a sorte de que te estas a transformar.

Máis que “formación”, disciplina. Determinación no cambio de condutas. Acción. Transformación.

As persoas participantes no II Edición de VIRADA Liderado están a elaborar neste momento o seu Proxecto de Mellora Organizacional (PMO), un proxecto de intervención sobre elas mesmas que enriquecerán proximamente nunha titoría en grupo.

Están atentas a súa organización e as súas necesidades, pero deseñando como van axudalas a ser máis efectivas propiciando cambio no que teñen máis a man: elas mesmas. Seguro que se notará… Moito ánimo!

Pica aquí para ver o Programa VIRADA Liderado.

David Pereiro
Socio Consultor en  Algalia S. Coop.                                                                                                    Responsable do Programa VIRADA Liderado

 

 

Voltar