A cooperativa Agroflor, en Narón, foi o lugar escollido para a celebración, o pasado 1 de xullo, do Día do Cooperativismo Galego, organizado pola Xunta de Galicia. Na súa representación, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiron este acto, no que se concederon os Premios ao Cooperativismo 2023.

Rivo destacou a capacidade deste modelo de negocio para fixar poboación no rural e reforzar o liderado feminino, e destacou a contribución destas entidades ao desenvolvemento sostible da comunidade para cimentar “unha economía galega máis igualitaria e equitativa”.

Elena Rivo sinalou tamén a contribución do cooperativismo ao fomento de valores como a solidariedade, a primacía dos beneficios sociais sobre a rendibilidade financeira e pola súa capacidade de fixar “poboación no rural” e reforzar o liderado feminino. Na comunidade galega case 29.000 mulleres forman parte destas entidades, das cales preto de 27.000 son socias. “Todos estes valores son o selo de identidade da economía social, un modelo económico que en Galicia coñecemos ben e que representa máis do 7 % do noso PIB, o que se traduce nun impacto económico anual importante”, indicou.

Durante a conmemoración procedeuse á entrega dos premios á Cooperación 2023, que este ano recaeron en tres entidades da provincia de Coruña Alén (A Coruña), na categoría de valores cooperativos; Enraizando (Ribeira), ao mellor proxecto cooperativo e Ferrolá de Profesores de Autoescola (Ferrol) á mellor traxectoria cooperativa.

No caso de Cooperativismo non Ensino, a conselleira concedeu os premios aos proxectos empresariais cooperativos feitos polo alumnado dos centros de formación profesional e de ensinos de réxime especial. En 2023 resultou gañador nesta modalidade o IES A Guía, de Vigo, por Holística, sociedade cooperativa galega. O accésit recaeu en Sail2day, presentado polas alumnas e alumnos da sociedade cooperativa galega Mendiño, de Vigo.

Voltar