ÍNTEGRO celebra en 2022 os seus 30 anos de traxectoria no propósito de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional na Costa de Morte, e neste mesmo ano culminou un proceso de reflexión estratéxica que deu como resultado o Plan estratéxico de ÍNTEGRO 2023-2026.

O proceso comezou en xullo de 2021, momento no que o equipo motor do proceso, composto por membros da xunta directiva e o equipo profesional de ÍNTEGRO, desenvolveu os seus primeiros pasos na fase de Lanzamento e programación, que consistiron en:

  • Establecer unha alianza de traballo.
  • Familiarizarse cos conceptos que se manexan na estratexia.
  • Recoñecer os pasos que se ían completar ata concluír coa redacción do Plan estratéxico 2023-2026.
  • Revisar a formulación identitaria da entidade: misión e valores.

A continuación, desenvolveuse a fase de Análise estratéxica, ao través de diversas accións que conduciron á redacción dun Informe de diagnóstico situacional:

  • Entrevistas semi estruturadas a persoas da organización (perspectiva interna) e da contorna da mesma (perspectiva externa).
  • Cuestionarios a profesionais da Asociación, traballadoras do Centro Especial de Emprego (+PORVIR) e familiares de persoas usuarias do Centro de recursos.
  • Descrición dos Modelos de Negocio das Áreas de actuación de ÍNTEGRO.

Esta fase culminou cunha actividade de indagación e proxección ao futuro: un World café presencial no Centro de recursos de ÍNTEGRO en Nantón (Cabana de Bergantiños) onde máis de 50 persoas desafiaron á COVID-19 nun dos primeiros días do ano 2022.

Na fase de Deseño estratéxico, o equipo motor tomou na súa man os resultados das fases anteriores e estableceu as prioridades estratéxicas que ocuparían os esforzos de desenvolvemento para os vindeiros anos.

Os procesos de reflexión estratéxica que acompañamos dende ALGALIA contribúen a que as entidades de economía social conten coa referencia dun compás ou folla de ruta que marque o camiño nos momentos de encrucilladas estratéxicas.

Estes momentos clave na vida das organización veñen provocados, entre outros factores, por unha contorna caracterizada pola volatilidade, a incerteza, a complexidade e a ambigüidade: contorna VUCA. Esta caracterización da contorna responde ao acrónimo inglés formado polos termos Volatility (V), Uncertainty (U), Complexity (C) y Ambiguity (A).

Voltar