Algalia esta colaborando coa Confederación de Autismo España, no proxecto de deseño dun modelo de calidade de vida para as persoas con TEA. Este proxecto iniciado no ano 2011 cristalizou no deseño e validación de ICalidad.
ICalidad é unha ferramenta tecnolóxica que ten como finalidade a avaliación da calidade de vida individual das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e a planificación de apoios dirixidos a favorecela.
Para o seu deseño empregouse unha metodoloxía cualitativa de investigación, tomando como referencia teórica o modelo de referencia sobre a calidade de vida das persoas con discapacidade, proposto por Robert Schalock e Miguel Anxo Verdugo (2007).
Empregáronse diferentes técnicas (cuestionarios, grupos de discusión, etc.), nun proceso que contou cunha gran participación (15 entidades confederadas en Autismo España) para recoller a opinión directa de 121 persoas con TEA, 73 familiares e 159 profesionais sobre os elementos que, desde o seu punto de vista, resultan fundamentais para que a propia persoa con TEA goce dunha calidade de vida óptima.
A información analizáronse empregando técnicas de análise cualitativa, en base ás diferentes dimensións do modelo de calidade de vida. Como resultado, deseñouse un sistema de indicadores obxectivos para cada unha das dimensións, que se envorcou na ferramenta ICalidad.
Esta é a primeira ferramenta deseñada e desenvolvida en España que permite a avaliación exhaustiva e obxectiva dos factores que inciden na calidade de vida das persoas con TEA, e a súa aplicación no deseño de plans de apoio individualizados.
ICalidad achega un modelo metodolóxico para a innovación e a transformación de servizos en base aos intereses dos principais interesados, que son as persoas con TEA. Facilita oportunidades para que sexan estas persoas as que incidan de maneira real na mellora dos sistemas de apoio que precisan.
Esta aplicación recolle, sistematiza, e contrasta de maneira integral a perspectiva que a propia persoa con TEA ten sobre a súa calidade de vida, e a doutros axentes significativos para ela (familia e profesionais). Permite non só unha comparación dos diferentes puntos de vista que teñen estes informantes, senón tamén a posibilidade de integralos entre si nun proceso colaborativo e reflexivo. Esta información, e os procesos de comunicación que se establecen á hora de abordar os resultados da avaliación, resultan esenciais á hora de identificar as prioridades de intervención e deseñar os sistemas de apoio que necesita a persoa para gozar dunha calidade de vida óptima.
ICalidad é un recurso que achega valor á xestión, planificación e intervención que desenvolven as entidades que o implementan. Facilita o avance cara a modelos de servizos baseados de maneira efectiva nas prioridades da persoa e no logro de metas persoais significativas para ela.
Miguel Barbosa
Socio responsable do área de Consultoria de Algalia Servizos para o Terceiro Sector