A marca EXPERTCOOP xorde da colaboración dun grupo de cooperativas  da Unión de Cooperativas EspazoCoop que pertencen ao ámbito asesor e consultor, créase para dotar de prestixio, calidade e solvencia os servizos de xestión e asesoramento para empresas cooperativas, un modelo empresarial que conta con particularidades e especificidades non sempre coñecidas e ben atendidas. A falta de especialización na maior parte das asesorías, a consideración que algúns sectores e profesionais teñen dela como unha «fórmula menor», ou os prexuízos á hora de recomendar esta fórmula empresarial nos procesos de emprendemento ou transformación empresarial son parte das razóns que impulsan esta marca.

Calquera cooperativa do ámbito asesor e consultor podería solicitar o uso da marca se cumpre os requisitos, formando así tamén parte dun grupo relacional e de traballo neste campo, aproveitando as virtudes da intercooperación tan propia das cooperativas.

As cooperativas socias ACR, ALGALIA, D5, XEDEGA e XIAMA foron as impulsoras desta garantía xunto á Unión, elas son EXPERTCOOP, e buscan garantir a calidade dos servizos de asesoramento e xestión en ámbitos como a fiscalidade e contabilidade, laboral e xurídico que se prestan a empresas cooperativas.

Ademais a imaxe identitaria que representa a este selo de garantía, as cooperativas prestadoras de servizos de asesoramento e xestión poderán comunicar que cumpren cos indicadores esixidos.

ExpertCooop non se trata dunha marca pechada, ao contrario está aberta a que se somen máis asesorías para ampliar o grupo.

Voltar