Entrevista con Ander Mimenza Aurrekoetxea responsable de Bidera (Escuela de directivos y directivas de la Fundación EDE), coach, consultor e formador en desenvolvemento organizativo, que será o docente do curso Liderar proxectos organizativos sustentables en tempos de cambio, que organiza Algalia os dias 14 e 15 de decembro.
1.- Que elementos ou que dimensións das organizacións do terceiro sector consideras que deben terse en conta para que estas sexan realmente efectivas e para que realicen de maneira eficaz e eficiente a contribución social que se espera delas?
As organizacións, no contexto actual enfróntanse a unha crise de gran calado. As crises adoitan ser escenarios propicios para afrontar un cambio. Un cambio que mobilice á organización e que leve a preguntarse se as prácticas adquiridas teñen vixencia nun escenario completamente diferente. As crises son unha oportunidade na medida que as organizacións son capaces de desaprender certos hábitos e automatismos, para reinventarse. A capacidade para afrontar a xestión do cambio é, quizais, o factor máis determinante.
Unha organización é un sistema de sistemas, interrelacionados entre si. Entender as dinámicas que subxacen nos sistemas resolve gran parte das dificultades e conflitos, ademáis de axudar a desenvolver o potencial de todo o equipo. Un equipo é máis que a suma dos seus individuos!
Do mesmo xeito, unha organización é un conxunto de conversas… conversas internas e coa súa contorna. Na medida que se adquiran competencias conversacionais, o equipo estará máis cohesionado e será máis eficaz.
Finalmente, temos que asumir con normalidade e responsabilidade que as persoas somos ante todo seres emocionais. As competencias emocionais son necesarias para dinamizar equipos e relacións.
2.- As organizacións enfróntanse continuamente aos retos que lles presenta unha contorna cambiante. Cales son os desafíos da contorna actual nos que as organizacións do terceiro sector pódense estar a xogar o seu presente e futuro?
Aínda que antes comecei falando dun contexto de crise, creo que é máis enriquecedor identificar tendencias do sector a máis longo prazo. Ao cabo, as crises son cíclicas; e con todo as tendencias son “evolucións” cara a novos escenarios.
Nos últimos anos identifiquei certas tendencias. Por exemplo, a converxencia entre os diferentes sectores. Ata hai non moito a forma xurídica (con o sen ánimo de lucro) era o elemento diferenciador entre unha empresa e unha entidade social. Agora, o factor clave é o modo de organizarse…a dinámica de funcionamento, o liderado e a cultura organizativa, a xestión por valores. Falamos máis de formas de xestionarse ca de tipos de organizacións que nos definan. Isto lévanos a un escenario no que disminúen as diferenzas entre as organizacións de distintos sectores. O desafío consiste en saber convivir e colaborar con todo tipo de organizacións, aprendendo doutras formas de facer posiblemente diferentes á nosa.
3.- O management actual tamén centra a súa atención no papel que representa o liderado no desenvolvemento das organizacións. Como cres que debe caracterizarse o liderado no terceiro sector?
Temos que enfrontarnos ao feito de que cada vez máis as organizacións están constituídas por persoas cuxos intereses están por riba dos corporativos. A tradición do terceiro sector lémbranos que o proxecto está por riba dos intereses particulares. Sen entrar no interesante debate sobre se isto debe continuar sendo así, polo menos debemos afrontar con honestidade o feito de que o liderado consiste fundamentalmente en contribuír no benestar (satisfacción) de todas as partes implicadas na organización, e non tanto en optimizar os recursos dispoñibles para lograr o fin ao que aspira a organización.
Se damos por válida esta formulación atopámonos ante a necesidade de orientar os nosos esforzos de liderado cara á relación coas persoas. E que significa relacionarse coas persoas? Significa que as súas inquietudes son tan válidas como as nosas, que a súa opinión e participación na toma de decisións non son algo meramente testemuñal, que son seres que pensan e senten e que, polo tanto, debemos prestar a mesma atención tanto ao ámbito do coñecemento como ao das emocións.
Probablemente a radiografía da persoa líder de hoxe en día, é daquela que conxuga a capacidade de proxectar a organización cara ao exterior (dirección estratéxica, viabilidade económica e relacións coa contorna) coa capacidade de dinamizar a organización no seu interior (dirección de persoas, xestión por valores, xestión dos recursos), adquirindo especial relevancia este último ámbito. Cómpre, mesmo, dominar competencias para a resolución de conflitos, a xestión da aprendizaxe, a arquitectura da participación, o estímulo da innovación e da creatividade, etc.
Gustaríame acabar este punto coa reflexión de que o liderado non é un mandato dirixido exclusivamente á dirección, a xerencia ou a presidencia da organización. O liderado é dinamizado por todas e cada unha das persoas que constitúen o proxecto.
4.- Que ferramentas eficaces teñen ao seu alcance as persoas directivas das entidades do terceiro sector para conducir o desenvolvemento organizativo das súas entidades?
Contamos con xeracións de persoas directivas cunha significativa capacidade técnica. O gran reto é conseguir que esas persoas realicen un gran traballo persoal.
A maior porcentaxe do seu tempo e enerxía deberían dedicala así mesmas: a preguntarse e cuestionarse que tipo de líderes son, cales son as súas dinámicas de relación e de comportamento, que as bloquea e lles dá medo, que as anima e impulsa, etc.
Unha vez feito isto, poden acompañar e a animar aos seus equipos a facer o mesmo. E así sucesivamente co resto de persoas: aquelas ante as que responden (por exemplo unha xunta directiva), as persoas que se atopan no seu mesmo nivel xerárquico e de responsablididade, etc.
5.- Calquera outra cuestión que consideres oportuna?
Ata agora falei practicamente da responsabilidade de cada organización e das persoas, no seu propio desenvolvemento. Quedannos facer unha breve reflexión como sector.
O noso sector viviu unha época de expansión nas últimas décadas. Isto lévanos a un escenario de gran diversidade e atomización do sector, que en ocasións e máis aínda en tempos de crise, deriva nun “sálvese quen poida”.
Afrontar os retos de maneira conxunta permítenos ter unha posición de forza (no mellor sentido da palabra) ante outros sectores; contar cunha identidade máis rica; aprender da diversidade os demais; e aforrar tempo, enerxía e recursos xerando sinerxías e economía de escala.
Hai moitas formas de traballar en rede e colaborar. Primeiro hai que ter a vontade de facelo. Segundo identificar e xestionar as resistencias a facelo. Finalment, cómpre camiñar no día a día, xa que a acción compartida constituirá a nosa identidade colectiva. Como sector temos moito que camiñar xuntos!
Celso Gándara
Xerente de Algalia Servizos para o Terceiro Sector