Nunha primeira publicación informámosvos dos cambios que se introducen en materia de contratación temporal: simplificación de contratos, coa desaparición dos contratos de obra ou servizo a partir do 30 de marzo de 2022 e, a redución, por tanto, das modalidades de contratación dispoñibles cun contrato de duración determinada que poderá celebrarse por circunstancias da produción (previsibles que deberán ser de moi curta duración ou imprevisibles para picos inesperados de produción) ou ben por substitución da persoa traballadora.

  1. Como alternativa ao contrato de obra ou servizo esta reforma aposta polo CONTRATO FIXO-DESCONTINUO para a realización de traballos de natureza estacional ou vinculados a actividades produtivas de tempada e para o desenvolvemento daqueles que non teñan dita natureza pero que, sendo de prestación intermitente, teñan períodos de execución certos, determinados ou indeterminados.

Esta modalidade poderá utilizarse, para desenvolver o traballo no marco de contratas mercantís ou administrativas que, sendo previsibles, formen parte da actividade ordinaria. O convenio colectivo sectorial poderá determinar un prazo máximo de inactividade entre subcontratas, que, na súa falta, será de tres meses. Deberá formalizarse por escrito e reflectir os elementos esenciais da actividade laboral (duración do período de actividade, xornada e distribución horaria polo menos estimada, podendo ser concretada no momento do chamamento á actividade). Así mesmo, deberase informar á representación legal dos traballadores con suficiente antelación, ao comezo do ano natural, sobre as previsións do chamamento.

As empresas deberán informar os traballadores fixos-descontinuos e á representación dos traballadores sobre a existencia de vacantes de carácter fixo-ordinario. Ademais, estes traballadores serán un colectivo prioritario para o acceso ás iniciativas de formación durante os períodos de inactividade.

  1. En canto aos CONTRATOS FORMATIVOS, realízase un cambio de modelo, establecéndose un contrato con dúas modalidades: 

Contrato de formación en alternancia (traballo e formación) e contrato para a adquisición da práctica profesional.

O contrato de formación dual poderá asinarse por mozas ata 30 anos e por unha duración mínima de tres meses e máxima de 2 anos. As xornadas serán non superiores ao 65% o primeiro ano e 85% o segundo ano sen poder realizar horas extra, traballo a quendas ou xornadas nocturnas. A retribución adaptarase ao convenio e non poderá baixar de 60% (o primeiro ano e do 75% o segundo ano). Nunca será menor ao SMI proporcional á xornada.

O contrato de obtención de práctica profesional adecuada ao nivel de estudos subscribirase dentro dos tres anos posteriores á finalización dos estudos. A súa duración será dun período mínimo de 6 meses e máximo de 12. A retribución será a propia do convenio para o posto salvo previsión específica e tamén contarán, como nos formativos, con seguimento titorial.

Por tanto, e a modo de resumo, xunto á modalidade indefinida (que se presume de inicio) estes son os contratos que quedan dispoñibles a partir do 30 de marzo de 2022:

a) Contratos de duración determinada:

  1. Contrato de traballo de duración determinada por circunstancias da produción.
  2. Contrato de traballo de duración determinada por substitución de persoa traballadora.

b) Contrato fixo descontinuo.

c) Contratos formativos:

  1. Contrato formativo en alternancia co traballo retribuído por conta allea.
  2. Contrato formativo para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos.

Por último sinalar que se endurecen os efectos e consecuencias da utilización irregular dos contratos temporais mediante a modificación do Art. 7.2 da Lei de Infraccións e Sancións da Orde Social (LISOS), a través dun aumento das sancións [Art. 40.1 letra  c)] nas contratacións temporais levadas a cabo en fraude de lei ou por medio de supostos e límites temporais diferentes ao que fixe o Art. 15 do  ET ou se prevexa en convenios colectivos, e que poderá implicar multas de 1.000 e 2.000 mil euros (grao mínimo), de 2.001 a 5.000 mil euros (grao medio) e de 5.001 ata 10.000 mil euros (grao máximo), por cada traballador.

Estes serían os cambios significativos en materia de contratación á espera do que ocorra co trámite parlamentario.

Voltar