Nos actos de conmemoración do Día da Muller do pasado 8 de marzo, o Concello de Padrón recoñeu como ‘Rumorosa 2024’ a traxectoria profesional e o compromiso persoal pola Igualdade de Begoña Suárez, xerente da Asociación AMIPA dende 2009 e colaboradora de ALGALIA como coach no Programa VIRADA desde 2018.

Xunto a ela foron homenaxeadas tamén as ‘Rumorosas’, María Calvo, Silvia Carnero, Lydia Angueira, Loli Quintáns, Sabela Ramos, Ana Fernández e o grupo de palistas formado por Ainara Rodríguez, Sabela Duro, María Villaverde, Uxía Álvarez e Candela Romero, elixidas pola súa destacada traxectoria e actuación na defensa da igualdade. Todas elas se convertiron nas protagonistas dunha exposición de rúa polo casco histórico de Padrón para dar a coñecer o seu labor, entre otros actos de conmemoración do 8M.

O acto institucional, celebrado no auditorio municipal, estivo presidido polo alcalde do Concello de Padrón, Anxo Arca, que entregou o galardón ás homenaxeadas, e da concelleira de Igualdade e Muller, Mariló Saco, quen subliñou “o firme compromiso do Concello de Padrón co feminismo, coa promoción e protección dos dereitos das mulleres e das nenas, e coa igualdade real e efectiva”. Mariló Sacó insistiu na idea de que o feminismo “non é o contrario ao machismo, senón que é igualdade” e tamén que “non é unha cousa soa de mulleres”, “Ser feminista atínxenos ás mulleres a aos homes que queremos construír unha sociedade igualitaria e sen discriminacións”, recalcou.

Licenciada en Dereito, Begoña Suárez é xerente da Asociación AMIPA dende 2009 e colaboradora de ALGALIA como coach desde 2018. Desenvolveu o seu labor profesional na administración local e como formadora en diversos cursos relacionados co ámbito xurídico e social, na administración local e en entidades non lucrativas, onde promove diferentes programadas de desenvolvemento sobre xénero e diversidade. Conta cun Máster en Dirección e Xestión de Centros, Recursos e Servizos para a Atención á Dependencia (USC), Máster en coaching de persoas e equipos (Mondragon Unibertsitatea) e Curso de experto en coaching de sistemas relacionais e de equipos (Mondragon Unibertsitatea).

Begoña é consciente da problemática á que se enfrontan os colectivos máis vulnerables no seu día a día, por iso subliña que “o 8M é un día no que reivindicamos que hai que coidar e respectar os ritmos de cada muller para que poidamos ocupar o noso lugar no mundo”.

 

Voltar