Deixando de lado agora ás persoas usuarias, clientes, destinatarias, participantes, beneficiarias… (cantas denominacións diferentes para as mesmas persoas! No terceiro sector de acción social está aínda pendente como denominar dunha forma satisfactoria a este colectivo), é habitual oír dicir a persoas con responsabilidades directivas en organizacións de economía social, que o seu activo máis importante son as persoas. Refírense a persoas directivas, profesionais, voluntarias… en definitiva, ás persoas que axudan a outras persoas, xa sexa prestando un servizo ou elaborando un produto.
Efectivamente, falando de activos, e vendo ás persoas como un recurso, cuantitativamente é así: a partida orzamentaria dedicada a persoas, sobre todo na economía dos coidados, é a maior nas contas anuais.
Bástanos esta mirada para dar conta desta realidade? Hai algo máis alá dos recursos?
Hai moitas organizacións que se esforzan por demostrar con feitos que as persoas que forman as organizacións son valiosas por si mesmas, e algunhas que seguen atrapadas en paradigmas pouco adaptados ao que queren e merecen esas persoas. En definitiva, hai organizacións centradas en todas as persoas, e outras, no mellor dos casos, enfocadas en procesos que contan coa contribución do recurso humano.
Que estamos a construír coas nosas organizacións?
Considero que hai un latexo inicial que parte dunha toma de conciencia persoal, que pode estimularse, pero que non pode ser suplantada, que lle corresponde a cada cal que se mergulle nunha mínima reflexión. Ese latexo ten que ver cun preguntarse sobre como vexo, e por tanto son para min, as cousas, e como me relaciono con esa realidade que constrúo.
Que lecturas fago da sociedade en que vivo, da organización na que traballo, da tarefa que me ocupa? Faime sentir ben, plena? Contribúe a algo que sinto que merece a pena, que vai máis aló da obtención duns recursos que necesito? Está a ser a miña vida unha vida gozada, tamén no laboral? Estou a gozar de verdade?
Moitas persoas adáptanse acriticamente a unha realidade que describen con entusiasmo as condutoras de programas musicais de radio fórmulas (Los 40, para entendernos): “Xa estamos a mércores e queda menos para a fin de semana. Moito ánimo! E agora convosco, o último de Bad Bunny”
A tradución disto, esaxerando, podería ser algo así: “Xa queda menos desta merda que vives durante 5 días á semana, que non che deixa vivir, e pronto poderás alcanzar o que realmente che importa: a vida da liberdade, de levantarte cando che pete, de gozar de verdade. Unha vez pagada a peaxe semanal, xa que ao traballo non se vén a gozar, só faltaba!, daranche o teu salario para que pagues a vida que queres efectivamente vivir”.
Sei que estou a esaxerar, pero ese patrón de relación co traballo está aí…
E que desexamos, seguramente merezamos, e que algunhas organizacións demostráronnos que é posible?
Queremos vivir se templo completo, non soamente a fin de semana ou vacacións. Levar ao noso traballo todo o que somos capaces, o que nos ilusiona, o que sabemos, o que sentimos, as nosas cousas. Queremos vivir plenamente.
Queremos sentirnos libres nas nosas organizacións. Poder dicir a calquera que non nos gusta do que vemos, e como poderiamos melloralo. Facelo libremente, coa seguridade de que non haberá represalias polo que comentemos, xa que todas estamos comprometidas co que levamos adiante conxuntamente.
Queremos que o traballo poida ser un espazo onde estean na mesma liña o que eu desexo, cales son os meus obxectivos e o meu propósito vital, e o que a miña organización quere lograr, cales son os seus obxectivos e o seu propósito de contribución social.
As organizacións máis exitosas do momento, aquelas que conseguen recoller e impulsar todo o potencial das persoas que a compoñen, son as que xeran espazos nos que o que queremos sexa viable. Non é fácil, pero é posible. Vímolo.
Estes espazos requiren comprometerse persoal e colectivamente cuns poucos enfoques e compromisos: a transparencia radical, o compartir o poder (status, privilexios…) nun liderado compartido, o axustar estruturas, o apostar por un profundo e frutífero traballo en equipo… Require vontade e formación.
O paradigma TEAL, cara ao que as organizacións poden evolucionar no seu esforzo de adaptarse á complexidade e globalidade do noso mundo hiperconectado, ábrenos itinerarios para crear o que desexamos e merecemos.
Ademais, a causa que defendemos e o propósito da nosa organización, recibirán un caudal de enerxía que ás veces non somos nin capaces de imaxinar, e que provén dun colectivo de persoas que viven plenamente, traballando en equipos que se autoxestionan, e conectadas co propósito evolutivo da súa organización, que fan plenamente seu.
Se queres afondar un pouco no esencial desta proposta, podes dedicar vinte minutos a escoitar a inspirada intervención de Ander Mimenza, profesional de EDE Fundazioa que colabora con ALGALIA no programa VIRADA, sobre como facer organizacións nas que a persoas están realmente no centro.
Desde VIRADA confiamos en poder compartir en breve convosco a nosa proposta de acompañamento a entidades de economía social para transformar a súa cultura organizacional cara a un referente TEAL.
David Pereiro. Responsable do Programa VIRADA.