Incentivo por redución da sinistralidade laboral.

Desde o día 15 de abril e ata o próximo 31 de maio de 2018 está aberto o prazo para solicitar os Bonus de Prevención (incentivo por redución da sinistralidade laboral) a través das Mutuas de Accidentes de Traballo.

Explicámoslles brevemente a continuación en que consiste o Bonus de Prevención:

Beneficiarios

Poden ser beneficiarias do incentivo todas as empresas que coticen á Seguridade Social por continxencias profesionais.

Contía do incentivo

O incentivo poderá alcanzar ata un 10% das cotizacións por continxencias profesionais correspondentes ao período de observación.

A contía do incentivo será do 5% do importe das cotizacións, sen necesidade de xustificar investimentos. Poderá incrementarse ata noutro 5%, en función dos investimentos efectuados nalgunha das accións complementarias de prevención de riscos laborais que se indican na norma.

Período de observación

Para alcanzar o volume mínimo de cotización requírese cotizar á Seguridade Social durante o período de observación cun volume total de cotas por continxencias profesionais superior a 5.000 euros ou alcanzar un volume de cotización por continxencias profesionais de 250 euros nun período de observación de catro exercicios.

As empresas cun volume total de cotas por continxencias profesionais inferior a 5.000 euros desde o 2014 ata o 2017, no caso de que alcancen os 250 euros de cotización no devandito período e non efectuasen ningunha solicitude no mesmo, tamén poden solicitar o incentivo como “pequena empresa”.

Requisitos

Poderán solicitar o incentivo en 2018 as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
  1. Cotizar á Seguridade Social durante o período de observación (2017-2014) un volume total de cotizacións por continxencias profesionais superior a 5.000€ ou alcanzar un volume de cotización por continxencias profesionais de 250 euros nos catro exercicios que compoñen devandito período.
  2. Atoparse no período de observación por baixo dos límites establecidos respecto dos índices de sinistralidade xeral e do índice de sinistralidade extrema.

Investimentos en accións preventivas complementarias

As empresas que cumpran os requisitos establecidos, poderán solicitar ata un 5% adicional se realizaron investimentos nalgunhas das accións preventivas complementarias recollidas na norma, co límite máximo do importe dos devanditas investimentos. Poderanse xustificar investimentos, nalgunha ou algunhas das seguintes accións:

  • Incorporación ao persoal de recursos preventivos propios ou ampliación dos existentes.
  • Realización de auditorías externas voluntarias do sistema preventivo da empresa.
  • Existencia de plans de mobilidade viaria na empresa.
  • Investimentos na elección dos equipos de traballo ou nos equipos de protección individual que melloren as condicións de seguridade e saúde.

Que documentación deberá presentar

  1. Documento de identificación ( NIF, NIE ou Pasaporte) do representante da empresa que asina a solicitude.
  2. Documento acreditativo da facultade de representación da empresa (Poder), se o solicitante non é o titular da empresa.

Prazos de presentación das solicitudes e abono do incentivo

Desde o 15 de abril ata o 31 de maio

Onde se presentan as solicitudes?

Na páxina web da súa Mutua de Accidentes poderá:

  1. Consultar o cumprimento dos seus índices de sinistralidade.
  2. Acceder a todos os datos necesarios para presentar a solicitude.
  3. Cumprimentar o modelo de solicitude e achegar a documentación necesaria.

Marta Armada
Socia coordinadora equipo laboral de Algalia S. Coop.  

 

 

Voltar