bonificaciones

 

Coa inclusión do novo artigo 30 na Lei 20/2007 do Estatuto do Traballador Autónomo, regúlase unha nova bonificación para a conciliación da vida profesional e familiar vinculada á contratación, da que poderán beneficiarse os traballadores autónomos nos seguintes supostos:

  1. Por coidado de menores de sete anos que teñan ó seu cargo.
  2. Por ter ao seu cargo un familiar, por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, en situación de dependencia, debidamente acreditada.

A axuda consistirá nunha bonificación, cunha duración de ata 12 meses, do 100% da cota de autónomos por continxencias comúns, que resulte de aplicar, á base media dos meses anteriores á data en que se acolla a esta medida, o tipo de cotización mínimo de cotización vixente en cada momento.

Para a aplicación desta bonificación ao autónomo esíxenlle dúas condicións principais –existen algunhas excepcións para aplicación desta bonificación-:

  • A permanencia en alta no Réxime de Autónomos, como mínimo durante os seis meses seguintes ao vencemento do prazo de desfrute da mesma
  • A contratación dun traballador, a tempo completo ou parcial, que se deberá manter durante todo o período do seu desfrute, sendo a duración mínima do contrato de 3 meses dende a data de inicio de desfrute da bonificación. No caso de que se extinguira a relación laboral o autónomo poderá beneficiarse da bonificación sempre que contrate a outro traballador por conta allea no prazo máximo de 30 días. Se o contrato é a tempo parcial non poderá celebrarse por unha xornada laboral inferior ó 50% da xornada dun traballador a tempo completo comparable e a bonificación será do 50%.

Por outro lado, só terán dereito á bonificación ós traballadores por conta propia que carezan de traballadores asalariados na data de inicio da aplicación da bonificación e durante os 12 meses anteriores á mesma. Para o cumprimento deste requisito non se terá en conta ao traballador contratado mediante contrato de interinidade para a substitución do traballador autónomo durante os períodos de descanso por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento, risco durante embarazo ou risco durante a lactación natural.

Mercedes González
Asesora laboral de Algalia

Voltar