En decembro de 2012 o centro dispoñerá dun Plan estratéxico que orientará o desenvolvemento futuro do Centro Residencial – Ocupacional nos próximos anos (2013-2016). No proceso de elaboración do plan, que se iniciou en xaneiro deste mesmo ano, participa todo o persoal, cóntase coa contribución das mulleres residentes, e é liderado e impulsado pola dirección da entidade. Entrevistamos a Leví Olivares, o seu director xerente.
Poderías presentarnos, brevemente, o teu centro e a institución relixiosa que o ha promovido?
Non é sinxelo falar dun mesmo… O noso Centro Residencial – Ocupacional é unha organización sen ánimo de lucro que conta con 80 prazas residenciais 85 ocupacionais, nas que atendemos a mulleres con discapacidade intelectual. As nosas instalacións están situadas en Mos, un Concello moi preto de Vigo.
O Centro pertence á congregación relixiosa “Escravas da Virxe Dolorosa”, cuxo carisma (misión) é a atención a mulleres (mulleres con discapacidade, maiores e nais) facilitándolles un recurso de acolleita e promovendo a súa dignidade. O que nos diferenza doutras organizacións similares é o noso espírito familiar de acolleita.
Os nosos centros (a congregación ten outros en España) atenden principalmente a mulleres sen recursos e procedentes de situacións socio familiares moi desestruturadas. Independentemente da súa discapacidade, teñen unha mochila moi pesada e moi vinculada á súa condición de xénero.
En Mos, a maioría das usuarias comezaron a súa relación connosco desde que o centro era unha gardería, o que fai que a relación sexa moi familiar.
Que motivou o empeño de xestionar o cambio na organización, e por que decidistes dotarvos da ferramenta do Plan estratéxico?
O cambio organizativo empeza no momento en que as relixiosas comezan a delegar a organización e xestión do centro a persoal técnico, nun xesto de asumir limitacións e novos criterios que apoian pero non son capaces de desenvolver .
Fai tres ano houbo un cambio determinante na dirección do centro, que facilitou a transición eficaz de posicionamentos máis asistencialistas a outros cun enfoque máis empoderador, de promoción e desenvolvemento das capacidades que todas as persoas atesouran.
Esta nova realidade xeraba moita incerteza. Tras as análises iniciais, comeza una secuencia de cambios que ao principio podían ser intuitivos, lóxicos ou ata, de impronta persoal da nova dirección. Chega un momento en que sentimos a necesidade dunha figura externa que nos axudase a centrarnos e a marcar dun xeito técnico o rumbo que queriamos imprimir ao centro. O traballo en común e elaborar un documento medianamente consensuado parecíanos un bo xeito de facelo. Tiñamos claro que este proceso sería unha carreira de fondo e necesitabamos pautalo.
En que dirección queredes que se oriente o cambio, e que movementos se deron nese sentido desde que se iniciou o proceso?
O concepto de PERSOA con discapacidade é a clave, unido a uns servizos técnicos, profesionais e de calidade. Pode parecer moi elemental, pero recoñecendo as nosas orixes, nos que talvez estabamos un pouco ancorados, todos estabamos decididos a abandeirar, ata na Congregación, esta aposta polas MULLERES.
Movementos houbo moitos. Sensibilización e formación dentro dunha estrutura que estaba un pouco ríxida …
Os pequenos detalles poden ser simples pero tamén dicir moito. Cambios básicos como elección de froita, de infusión, preguntares, darlles opcións, escoitalas … axudaron a traballar o cambio de concepto da “discapacitada” dentro dun centro moi dirixido, cara a outro máis autoxestionado polas propias persoas que o habitan.
Nestes procesos de cambio, cal consideras que son os maiores retos cos que se enfronta unha entidade de acción social?
A actitude dos profesionais e o rexeitamento ao cambio. No noso caso aínda que houbo circunstancias difíciles, as persoas están mostrando un alto grado de implicación.
O recoñecemento sincero da túa propia realidade en comparación coa contorna. Resulta complicado como entidade recoñecer e asumir erros.
Motivación, liderado e dar voz ao persoal no propio proceso de cambio …
A conxuntura económica e as esixencias administrativas obrigan a esmerarse máis.
Que é o que vos está aportando a consultoría de Algalia?
A obxetividade profesional e técnica dun consultor preparado que che esixe buscando o que queres, enfrontándoche á túa propia realidade e á túa contorna.
Seguridade e confianza.
Aporta un proceso de acompañamento e ata formación máis valiosa que o propio documento do plan estratéxico.
Creo que este proceso de elaboración do primeiro Plan Estratéxico foi o motivo para a reflexión persoal, para a apertura de miras profesionais. Ha sido ferramenta de motivación, e facilitou o inicio deste proceso de cambio arroxando luz, obxetividade dun axente externo, profesionalidade, técnica …
A foto que ilustra esta entrevista realizouse nestas vacacións de verán. As mulleres residentes no voso centro practican surf?
Sempre dicimos que somos afortunados coas usuarias que temos. Son súper atrevidas, dispostas, entregadas … son incribles. ¡Surf!
Se iniciaron este ano na praia de Esteiro durante a estancia de verán en Viveiro. foi unha experiencia inesquecible, man a man coa natureza, deporte e persoas maxísimas que colaboraron connosco.
Sempre intentamos ofrecerlles actividades variadas, retos novos, e a poder ser, en un ámbito normalizado.
O mellor foi un comentario dun señor nesa praia: “¡É incrible!, tratádelas como persoas normais …”. Deunos pensar o moito que resta por facer …
Finalmente, que recomendación faríaslle a unha persoa con responsabilidades directivas ou xerenciais que ha de emprender un proceso de xestión do cambio nunha organización?
Que pense onde se mete, je je. É importante ter claro a onde queres cambiar e porqué. Pero, sobre todo , estar ben acompañado.
Un non é imprescindible, nin o sabe todo. Rodearse de xente máis lista que ti, aliñada co cambio … será o teu gran compañeiro de viaxe.
Recalco sempre a función da dirección como líder, como facilitador e a tarefa de acompañamento á xente que tes a ao redor.
Hai algo máis que queiras comentar?
Agradecer a David a súa paciencia e o seu labor. Agradecer ás relixiosas a súa dispoñibilidade e a súa deixar facer. Grazas por entrevistarnos e axudarnos a darnos a coñecer. Emprazo aquí á xente a que nos visite. Estaremos encantados de recibir visitas na nosa casa.
Moitas grazas, Leví.