Tendo en conta as potencialidades da economía social e as competencias que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia, resulta importante a aprobación dunha norma legal que dote o sector dunha regulación propia en sintonía coa realidade galega e que fomente a súa consolidación e expansión.
A economía social engloba un conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo entidades que perseguen, ben o interese colectivo das persoas que o integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos, mostrándose día a día como un actor fundamental no desenvolvemento da sociedade actual.
Esta Lei da economía social de Galicia ten entre os seus obxectivos principais o de poñer en valor este sector económico, dotalo da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade e impulsar a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable.
Por medio desta lei intégrase o sector, até o de agora disperso, situándose nun plano de participación que abre canles de interlocución capaces de mellorar a eficacia das políticas activas de emprego e a dinamización económica e social de Galicia. Así mesmo, establécense mecanismos de coordinación entre os distintos axentes públicos e as entidades de economía social, que facilitan concretar obxectivos e aglutinar esforzos e incentivos para o desenvolvemento do sector.
A lei estrutúrase en catro capítulos con dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais, dúas transitorias, unha derogatoria e cinco últimas.
- O capítulo primeiro recolle as disposicións xerais e nel reflíctese o obxecto da norma, no que destaca a vontade de conseguir un maior recoñecemento e visibilidade do conxunto das entidades asociativas que conforman a economía social, así como a de fomentar o seu desenvolvemento. Defínense o concepto de economía social, o ámbito de aplicación e os valores e principios orientadores comúns, tendo en conta os aspectos singulares derivados da realidade galega.
- O capítulo segundo identifica as entidades que forman parte da economía social en Galicia e establece as bases da súa organización e representación. Entre as achegas singulares que realiza a lei, fai falta destacar a incorporación das comunidades de montes veciñais en man común, institución peculiar recollida no dereito civil galego, ao Catálogo galego de entidades da economía social.
- O terceiro capítulo define o marco galego de participación do sector respectando as competencias atribuídas ao Consello Galego de Cooperativas. Créase o Consello da Economía Social de Galicia como órgano de carácter consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social, tamén en materia de promoción e difusión da economía social.
- O cuarto e último capítulo céntrase na promoción, no fomento e na difusión da economía social, dos seus principios e valores, e incorpora obxectivos específicos para un eficaz despregamento deste labor en todo o territorio galego, entre os que fai falta destacar a especial referencia ao labor de impulso e dinamización do autoemprego, do emprendimiento de base cooperativa e da colaboración empresarial.
Ver a norma completa, segundo DOG nº 93, do 4 de maio de 2016.