Esta análise céntrase nos compoñentes económicos e xurídicos que, entendemos, poden ter máis relevancia para organizacións, empresas e autónomos.

No seguinte link poderás atopar información da Moncloa sobre este RDL.

1. Medidas relacionadas cos avais do ICO:

Amplíase, ata o 30 de xuño de 2021, o prazo para a concesión das dúas liñas de avais do ICO. Ademais, amplíase o prazo máximo dos créditos avalados, de forma que os clientes que, cumprindo uns requisitos especificados neste RDL, o soliciten, poderían alongar o seu crédito ata 8 anos e o período de carencia ata 24 meses.

2. Medidas relacionadas coa ámbito concursal:

Esténdese ata o 14 de marzo de 2021 a suspensión do deber de solicitar a declaración de concurso de acredores, así como a obrigación do xuíz de admitir a trámite as solicitudes. E prolónganse ata o 31 de xaneiro as previsións de que os xuíces inadmitan a trámite as solicitudes de incumprimento de convenios de acredores e de acordos de refinanciamento.

3. Medidas relacionadas coa realización de xuntas, asembleas e padroados:

Esténdese a todo o 2021 a posibilidade de realizar xuntas xerais por videoconferencia ou conferencia telefónica múltiple, aínda que os seus estatutos non o prevexan a:

  • sociedades anónimas,
  • sociedades de responsabilidade limitada,
  • asociacións,
  • sociedades civis,
  • sociedades cooperativas e
  • fundacións.

Será preciso, en calquera caso, que todas as persoas que tivesen dereito de asistencia ou quen os represente dispoñan dos medios necesarios, o secretario do órgano recoñeza a súa identidade, e así o exprese na acta, que remitirá de inmediato ás direccións de correo electrónico.

4. Medidas no ámbito tributario:

Tipo impositivo do IVE en compra de bens necesarios para combater os efectos do COVID-19 para entidades de carácter social.

Amplíase a aplicación do IVE do 0% desde o 1 de novembro ata o 30 de abril de 2021 a calquera compra (nacional, intracomunitaria ou importación) de bens necesarios para combater os efectos do COVID-19 (que figuren no Anexo que acompaña a este RDL 34/2020, por exemplo máscaras, luvas, proteccións faciais, monos, etc.).
Este tipo de IVE poderá ser aplicado nas compras realizadas por entidades públicas pero tamén por entidades sen fin de lucro que se consideren entidades de carácter social conforme cá normativa do IVE (artigo 20.Tres da Lei 37/1992).
Lembramos que esta condición adquírese de maneira automática por aquelas entidades sen fins de lucro (asociacións, federacións, confederacións, fundacións) que cumpran estes tres requisitos:

  • Carecer de finalidade lucrativa e dedicar, no seu caso, os beneficios eventualmente obtidos ao desenvolvemento de actividades exentas de idéntica natureza.
  • Os cargos de presidente, patrón ou representante legal deberán ser gratuítos e carecer de interese nos resultados económicos da explotación por si mesmos ou a través de persoa interposta.
  • Os socios, comuneiros ou partícipes das entidades ou establecementos e os seus cónxuxes ou parentes consanguíneos, ata o segundo grao inclusive, non poderán ser destinatarios principais das operacións exentas nin gozar de condicións especiais na prestación dos servizos.

Non será necesario cumprir este último requisito cando se trate das prestacións de servizos de servizos sociais nin de deporte ou educación física (tal e como se describen estas actividades no apartado Un, números 8.º e 13.º do artigo 20 da lei 37/1992).

Como o RDL indica que estas vendas deberán ser documentadas con facturas co IVE ao cero % (indicando que son vendas exentas) interpretamos que será obrigación da entidade sen fin de lucro achegar unha declaración ao vendedor conforme cumpre os requisitos esixidos na norma para a devandita emisión sen IVE/IVE e así aproveitarse deste aforro fiscal.

Aplicación do IVE superreducido (4%) na compra de máscaras cirúrxicas.

Aplicarase o tipo do 4 por cento do Imposto sobre o Valor Engadido ás entregas, importacións e adquisicións intracomunitarias das máscaras cirúrxicas desechables referidas no Acordo da Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos, do 12 de novembro de 2020.

Ese Acordo baixa un 25% o importe máximo de venda ao público das máscaras cirúrxicas, que non custarán máis de 0,72 euros, prezo co IVE incluído, que nese momento era do 21%. Nese sentido, entendemos que, coa modificación do tipo impositivo, o prezo máximo baixará agora á contorna dos 0,62 euros por máscara.

Outras medidas fiscais

Un último aspecto menor, pero por  se aínda teñen pesetas no seu poder: amplíase o prazo que finalizaba o 31 de decembro deste ano para cambialas por euros. Agora permitirase ata o 30 de xuño de 2021, sempre en oficinas do Banco de España..

Este RDL entra en vigor hoxe 19 de novembro de 2020.

Aproveitamos este boletín para lembrar que na web de Algalia están a disposición todos os boletíns que xeramos durante esta crise para explicar aspectos contables, fiscais, xurídicos e laborais de interese para as organizacións.

Servicio económico e xurídico de Algalia

Voltar