Algalia, Servizos para a Economía Social, e Xegalia Galega de Xestión obtiveron a certificación efr no nivel C, «Comprometida», tras superar satisfactoriamente a auditoría externa realizada en setembro de 2026. Este recoñecemento, outorgado conforme a norma efr 1000-5, edición 4, acredita o compromiso de ámbalas dúas entidades cunha xestión responsable das persoas e coa promoción da conciliación da vida privada, familiar e laboral.
Impulsada pola Fundación Másfamilia, a certificación efr recoñece ás organizacións que incorporan a conciliación e o benestar ao seu modelo de xestión. No caso de Algalia e Xegalia, o proceso permitiu ordenar, sistematizar e avaliar medidas que xa formaban parte do seu funcionamento, alén de establecer unha folla de roteiro para seguir avanzando neste ámbito.
A participación do equipo, clave no proceso
A auditoría incluíu a análise da documentación das dúas entidades, entrevistas coa dirección e o responsable , e a consulta ás persoas traballadoras mediante enquisas e entrevistas individuais. A participación no cuestionario alcanzou o 92% do persoal, superando amplamente o mínimo esixido pola norma e achegando información relevante sobre as necesidades e a percepción do equipo.
Entre os resultados, destaca a valoración global positiva das medidas de conciliación dispoñibles, que obtiveron unha puntuación media de 3,4 sobre 5. Así mesmo, o 57% das persoas enquisadas considera que Algalia e Xegalia sitúanse por encima da media en materia de conciliación, mentres que ningunha as sitúa por baixo. A este respecto, o 61% dos participantes non identifica ningún obstáculo nas barreiras cara á conciliación fronte ao 39% que sinala algún.
O informe tamén identifica oportunidades de mellora, especialmente na comunicación interna sobre as medidas existentes e na eliminación de posibles dificultades para utilizalas, analizar as barreiras e revisar as situacións de prolongación de xornada e compensación. Por iso, as entidades traballarán nos próximos meses para explicar con maior claridade o seu alcance e as condicións de aplicación, así como para analizar as situacións que poidan dificultar a conciliación.
Un punto de partida para seguir avanzando
A obtención do certificado constitúe o inicio dunha nova etapa de avaliación e mellora continua. O obxectivo de Algalia é avanzar cara ao nivel B durante o actual período estratéxico, reforzando unha cultura organizativa que sitúe ás persoas no centro da xestión.
A certificación efr representa así un compromiso compartido: consolidar as prácticas existentes e lograr que a conciliación se traduza en melloras efectivas no día a día dos equipos humanos.