O pasado 24 de febreiro, o responsable dos servizos económicos en Algalia, Jorge Rodríguez  Malingre, participou na reunión da Comisión de Estudo de Entidades sen fins de lucro (AECA). Esta entidade é a única institución profesional española emisora de Principios e Normas de Contabilidade xeralmente aceptados e de pronunciamentos e estudos sobre boas prácticas en xestión empresarial.

Neste encontro debateuse o documento de traballo sobre a Fusión de Entidades Sen Fin Lucrativo (ESFL), unha alternativa á falta de recursos destas entidades para afrontar as consecuencias das diferentes crises que foron afectando ao conxunto da economía en xeral e ao sector non lucrativo en particular, da man dos profesionais Luís Ruiz de Huidobro (AYCSA), Francisco Serrano (ICJCE), Javier Briones (BInternationalC) e Juan Jesús Donoso (Cruz Vermella Española).

Unha das vías ás que poden optar para emendar esta falta de recursos é a Fusión, Escisión ou a Cesión Global de Activos e Pasivos. Por iso a Comisión de Estudo de Entidades sen fins lucrativos da AECA considerou pertinente elaborar un documento no que analiza estas opcións, baseada na normativa de fundacións en particular, a propósito de que esta situación debe ser analizada, tamén, para calquera outro tipo de entidade sen fins lucrativos como, por exemplo, as asociacións.

O obxectivo da comisión é poder publicar un novo documento que pasaría a ser o oitavo dos emitidos con anterioridade.

Outra das tarefas importantes das comisións da AECA é a publicación de “opinións emitidas”, que pretenden crear un corpo doutrinal áxil que permita aos usuarios da contabilidade enfrontarse con solvencia aos problemas urxentes de especial complexidade, ofrecéndose, mesmo, como referencia útil para o regulador en determinados temas.

Así, nesta mesma reunión, analizouse un borrador de Opinión emitida, elaborado por Carlos Fernández (KPMG), que trata de abordar unha análise dalgunhas das  casuísticas máis comúns entre as organizacións non lucrativas, concretamente, como contabilizar aquelas operacións de financiamento nas que non existen só un doante (que entrega recursos) e un donatario (que o destina a actividades de interese xeral) senón que se xeran situacións de intermediación -pensemos por exemplo en subvencións nas que participan confederacións, federacións e asociacións federadas desenvolvendo un mesmo proxecto ou entidades que desenvolven programas de cooperación ao desenvolvemento con contrapartes locais-.

A xornada foi un éxito de participación con 14 participantes en conxunto (tanto presencialmente na sede de Cáritas Española en Madrid como mediante vídeo chamada) e estímase que se poida seguir traballando nestes documentos en aproximadamente dous meses.

Algalia considera que participar en grupos de traballo como este potencia o coñecemento e análise conxuntos, xerando materiais de utilidade para as entidades sen fins lucrativos.

Voltar